Opinión

Qué podemos facer...

Hei de recoñecer que nin escoitei o discurso do monarca o pasado día de Noiteboa, nin tampouco estiven atento ó que ofreceu na noite de fin de ano o presidente da Xunta.

Sei que non fun o único, polo que aquilo de "mal de moitos...", venme agora como anel ó dedo para me xustificar.

Eu sei que ámbolos dous hanme saber desculpar porque estes días a cabeza anda mergullada en moitas ocupacións e, dado que non tiña ningunha das dúas citas anotadas no servizo de alertas, non me acordou pararme diante do televisor e escoitar.

Si sei, sen embargo, que Felipe VI fixo unha intervención medida con micrómetro e puntuada con compás, escuadra e cartabón para que ninguén se sentise ferido, tanto por obra como por omisión. E seino porque, logo das críticas lidas e escoitadas, fun ó texto orixinal e deille unha lectura pausada a ver se se atrevera a anunciar unha involución, pero afortunadamente non.

No caso do presidente da Xunta non fun tralos pasos das súas lecturas porque xa se sabe que onde hai confianza... Aínda que si lin con calma a información que hoxe reproduce este mesmo xornal, cunha imaxe que debemos agradecer os ourensáns porque aínda que Galicia non é Siberia, estou seguro de que habería de contar con infinidade de propostas para serviren de set de gravación, polo que é de agradecer o simbolismo da Ponte Vella e, por extensión, da cidade de Ourense para dirixirse a tódolos televidentes da TVG, que son lexión -xubilada ou a piques de se xubilar-, pero lexión á fin e ó cabo.

Sei, polo tanto, que na súa alocución fixo referencia explícita ás tres grandes preocupacións que salfiren hoxe por hoxe, por aquí e por acolá, os medos mundanos da nosa terra. Ou sexa, ó emprego, a cuestión demográfica e o mundo rural.

É certo que están intrinsecamente ensarilladas as tres, pois sen emprego é máis que evidente que non hai mundo rural e sen unha pirámide demográfica na que a clase traballadora e as crianzas sexan folgada maioría, está claro que tampouco hai emprego nin medio rural. É máis, por non haber non haberá sequera país.

De aí que sexa vital -e urxente, como teño apuntado outras veces- que a clase política e tódolos demais sectores sociais -incluso todos e cada un de nós mesmos- nos concienciemos de que Galicia só terá futuro se hai galegos.

E non pido eu que nos poñamos agora a procrear coma coellos -que tamén sería unha solución, non vaia pensar-, pero si que deixemos de nos laiar e, como dicía aquel presidente norteamericano, nos preguntemos qué podemos facer nós por esta terra denantes de coller o macuto e emigrar.

Te puede interesar