Opinión

De quen é a culpa?

O microrrelato que publiquei nantronte neste mesmo espazo, a xeito de arremedo do inicio das "Memorias dun neno labrego" de Neira Vilas (xa saben aquilo de: "Eu son Balbino, un neno de aldea..."), personalizando a microhistoria no desafortunado episodio no que se viron envoltas as tres pobres irmás de Güin, deu pé para algúns comentarios na rede -gabanciosos, é certo-, de entre os que quero rescatar un.

Unha boa amiga que coñece moi ben á xente da aldea e dun xeito especial á máis vella porque conta cunha privilexiada visión de tres lentes, non sen denantes felicitarme polo relato, "por como reflexa a preocupante realidade dos nosos maiores", defendeu ó presidente da Xunta -en quen eu representaba á clase política-, aseverando que o presidente non tiña a culpa, xa que logo, ó seu ver -e ó meu tamén-, "o esmorecemento do mundo rural é unha culpa compartida por todos, o cal non significa que por ser compartida, sexa menos culpa".

Quixen facerme eco deste comentario, non co fin de rebater eu a súa exoneración presidencial, senón co de aproveitar a conversa para facerme a pregunta -e logo reflexionar un chisco- que preside a columna.

Quén ten a culpa, logo entón, da situación de agonía terminal na que nos atopamos?

Tal e como a miña amiga di, é evidente que a culpa deste devalo cara a terra de ningures cara a que procesionamos ó paso da Santa Compaña, é compartida por tódolos sectores políticos -de acá e de acolá- económicos, sociais e mesmo individuais, de agora e de noutrora.

Claro que non se pode cargar sobre unha soa trabe -o meu era unha licencia literaria- a penitencia do longo e compartido pecado de desidia que en Galicia levamos cometendo dende os anos 80 do pasado século, cando Europa decretou que para convertérmonos en "xente moderna" do século XXI tiñamos que esquecer a xugada de vacas e a casa da aldea, o arado romano e as pitiñas do galiñeiro, así coma o leite nas canadas á porta da casa. Tiñamos que esquecelo porque a Galicia interior -que levaba dous milenios sen saber facer outra cousa- tiña que procurar un futuro menos sufrido. E que, para iso, estaban dispostos a nos dotar de estradas e autoestradas, de universidades e aeroportos, de piscinas climatizadas e polideportivos, de pazos e casas  grandes preparadas para o turismo, de paseos e parques naturais, xacobeos e cidades da cultura... E aquilo pintaba tan ben que nos eslumimos coma nenos.

E certamente cumpriron. O malo foi que nos deron todo menos unha alternativa económica coa que sostérmonos. E velaí como chegamos á fase do lamento.

Que de quen e a culpa? Loxicamente de Europa, por nos ofrecer un camiño cara ningures. Pero nosa tamén, por non ter sabido ver que ó final só había un precipicio.

Te puede interesar