Opinión

Sabes onde está o "ayuntamiento"

Faltaba algo para as oito do serán. Eu acababa de estacionar na zona do aparcamento da Praza de Abastos, fronte por fronte cos pendellos de panadería que se atopan ó outro lado da rúa que dá cara o Barbaña. O meu obxectivo era acudir ó acto inaugural dunha exposición que estaba programada no Centro Cultural Marcos Válcárcel, do pintor mallorquín afincado en Ourense, Leandro Sánchez.

Unha exposición que -debo dicir, de paso- ten bastante que ver co realismo máxico, ese que adoita amosarnos sempre algo máis da realidade a miúdo plana que captan os nosos ollos. E fago esta explicación, non só para destacar a obra de Leandro Sánchez (que tamén), que desta volta nos sorprende ollando de fronte e sen complexos a algúns do mellores pintores contemporáneos, ó atreverse a bocetar a algúns deles para logo metelos en imaxinativos embalaxes, xa da súa propia colleita, e que configuran unha excelente e singular proposta artística só ó alcance dos que coma Leandro teñen a virtude da arte no seu dominio do detalle, senón para explicar ó mesmo tempo cómo o realismo máxico non só se dá na pintura, senón tamén na literatura e na propia vida cotían, facendo bo ese vello adaxio que afirma que a veces ha escenas ou episodios da vida real que non os dá superado, por máis que se queira, a ficción.

Volvo ó principio. Acababa de deixar o meu coche estacionado a carón da Praza de Abastos e dispúñame a cruzar a rúa para subir pola acera da Alameda, cando a casualidade quixo que asistira a unha conversa mantida entre unha parella máis nova ca min e un mozo que ía detrás deles ó mesmo paso lixeiro, cara -polo que intuín- a Praza Maior.

O home acababa de quedar por teléfono con alguén nese céntrico lugar da capital e, polo que se ve, púxolle como referencia arquitectónica a casa consistorial. Entón, unha vez desconectada a chamada que estaba a realizar, mirou para a muller e preguntoulle -eu xuto que non me pareceu de broma- "ti sabes onde está o Ayuntamiento", ó que tanto a muller coma o rapaz lle contestaron ó unísono que loxicamente si.

Polos seus andares e as súas falas é certo que non deberían residir moi preto do vello edificio municipal, pero tamén é certo que non deberían seren de moi lonxe, xa que o dialecto era diafanamente ourensán.

Non me diga, benquerido lector, que o asunto non merece ter sido traído a estas páxinas e mesmo, a nada que un deixara voar a imaxinación, de ser publicado incluso cun titular desta caste: "Un ourensán vai pedir un certificado de empadroamento e ten que preguntar primeiro onde queda a Casa do Concello".

En fin, que o realismo máxico non é só propio das nosas terras, pois García Márquez e outros moitos hai décadas que o descubriron por nós. Ora ben, eu a este daríalle un premio por vivir tan feliz sen esa preocupación.

Te puede interesar