Opinión

Toni Cantó

Realmente, o título debería telo inserido en galego e escribir "Toni cantou", pero, por iso de que un titular non é máis ca un servizo de alerta informativa e que na medida de que o título da columna o enganche a vostede -benquerido lector- o meu oficio será quen de acadar ou non o éxito da súa lectura, é por iso que o manteño en castelá de forma que se asocie co actor metido a político e agora -ou nun futuro máis ou menos próximo- volto cidadán, por máis que -cando menos que eu saiba- non teña absolutamente nada que ver con Ourense.

Traio, pois, a colación o nome e o apelido deste actor que empezou a fender moldes cando decidiu dar o paso da acción representativa escénica á acción representativa cameral porque quero coller a parte polo todo e elevalo -xa que está de máxima actualidade- como paradigma dunha reflexión un pouco máis xeral que nos axude a ver con certa perspectiva o que está a pasar entre os denominados partidos tradicionais e as formacións políticas emerxentes.

Dicían estes, cando empezaban a camiñar (Toni Cantó, un deles, porque tamén foi no seu momento forza emerxente) e aínda o seguen dicindo os de agora, que os partidos políticos tradicionais teñen que morrer como organizacións por hixiene democrática porque forman unha "casta", palabra mantra que logo a RAE acabará incorporando ó diccionario cunha definición semellante a esta: Dise daquel colectivo de persoas que aterran de Marte para entraren na estructura dun partido político e acabaren como alcaldes, conselleiros, deputados, senadores ou presidentes dalgunha institución pública, xestionando para beneficio propio os cartos que son de todos.

Dicían isto os de UPyD primeiro e dino agora os de Podemos co seu líder mesiánico á cabeza e dun xeito máis sosegado tamén o din os cidadáns, porque opinan que a rexeneración social deste país soamente chegará por novas formas de facer política que nada teñan que ver cos ademáns das forzas tradicionais.

Pero logo -e aquí é onde entra Toni Cantó como paradigma, porque acaba de cantar-, ó pouco tempo resulta que os modos e as maneiras, os aires e os desaires, os cantazos e as navalladas que transcenden á opinión pública acaban sendo exactamente as mesmas cás que levan décadas formándolles cicatrices -agora máis abertas ca nunca- na lama ás endiañadas sectas dos partidos tradicionais.

E non é que eu sexa un defensor dos vellos partidos políticos. Nin moito menos. Pero, o que si teño claro son dúas cousas: Nin os políticos tradicionais eran marcianos que foron colonizándonos paseniño durante as últimas tres décadas. Nin estoutros son anxiños que se van pousando por aquí e por acolá para salvarnos do mal. Son simplemente apéndices de nós mesmos. E por desgracia, non hai máis.

Te puede interesar