Opinión

Uniformidad e independencia

Adez xornadas do día "C", é dicir, do 27 de setembro, cando terá lugar para a historia da humanidade un cambio de era semellante a do nacemento de Xesús, no que os anos deixaron de ser descontados e comezaron a contarse, enzoufados ata as trancas no balbordo sen fin do proceso catalán e incapaz de me manter alleo ó avesporeiro asiático no que se ten convertido a actualidade española, cada xornada de proxección monográfica da actualidade -lea un o xornal que lea, vexa un a televisión que vexa ou escoite un a emisora que sexa- provócame a min unha interminable ristra de preguntas e reflexións e amósanme incontables contrasentidos que tratarei de resumir no que me queda de columna.

A primeira delas ten moito que ver co propio balbordo mediático e coa sobredose de información que cada día recibimos todos, vivamos en Ponteceso ou na Manga do Mar Menor, en Punta Umbría ou en Cadaqués, en Cullera ou Ciudad Rodrigo, que me ten levado a pensar nunha solución radical para acabar co problema: Dado que ollemos cara onde ollemos ninguén é quen de fuxir do ruído, propoño humildemente que lle mudemos o nome ó Estado nos declaremos cataláns e aquí paz e despois gloria, de forma que, unha vez morto o can, acabouse a rabia!

A segunda das reflexións, por máis que semelle obvia no seu pronunciamento inicial, é un pouco máis profunda e ten que ver co seguinte: Cando vexo tanta uniformidade escénica coma a que amosaron as cámaras aéreas no transcurso da manifestación desoutro día, facendo de encofrado natural para a viaxe dunha frecha cara o mito da liberdade soñada, repito, cando vexo tanta uniformidade estética representada por unha sociedade aparentemente tan diversa coma a que o ser humano do século XXI constitúe, pregúntome con frecuencia qué nivel de independencia intelectual -ou, mellor dito, individual- terán todos cantos -obedientes nesas escenificacións masivas- andan precisamente á procura da independencia.

Que hai detrás de tanta uniformidade? Non paro de facerme esta pregunta ó acercar o zoom e transformar cada puntiño que se ve nas cámaras aéreas, nunha persoa coma min, coas súas dúbidas e as súas certezas, coas súas eivas e as súas fortalezas, formando parte dunha sociedade complexa.

E despois do día 27, que..? Haberá a mesma uniformidade de criterio, ou cada quen pasará a defender os seus intereses de clase (o patrón contra o empresario, o labrador contra o intermediario, o estudante contra o profesor, o conductor contra o axente) pero nun país media ducia de veces máis pequeno?

En fin... Se cadra terá que ser, pero eu aínda non logrei entender cómo tanta uniformidade estética se pode conxugar tan ben no século XXI co concepto individual e intelectual de independencia.

Te puede interesar