Opinión

Unha uva e unha catedral

Acabo de ler cun pouco de retraso unha entrevista ó "director creativo" da Semana das Industrias Culturais e Creativas (ICCWeek) e as respostas suscitan en min distintas reflexións que aniñan nunha "rara avis" do sector, porque contra vento e marea continúo mantendo unha relativa ilusión (con moitos debates internos e moitas mudanzas de estados de ánimo, é certo) por ver convertida esta terra de ningures -que diría Celso Emilio- nun referente nacional das Industrias Creativas e Culturais.

Fala, o entrevistado, de que "as recomendacións políticas europeas convidan a poñer o foco nas industrias culturais e creativas e instan ás rexións a impulsar a modernización das zonas rurais para atallar as crecentes diferencias económicas coas grandes cidades". E, dito isto, tamén di que "ademais de falar de cultura, tal vez teñamos que empezar a falar de pasta (diñeiro, euros, dólares...), así como de emprego e de achegarlle con elo valor á comunidade..."

E fala ben quen así se expresa, porque o gran problema non resolto do sector cultural é, precisamente, o de traballalo con criterios economicistas, fendendo de vez ese arcaico mito de que a cultura ten que ser gratis, porque "non é un tornillo". Que o é! E, senón fagamos unha simple comparanza entre unha uva e unha pedra, poñamos por caso, dun capitel románico.

Se a vostede se lle dá por ir de paseo entre Berán e Leiro -ou viceversa- e repara nun bacelo onde unha uva destaca no cangallo pola súa madurez respecto do resto do acio, turra dela e a mete á boca, ademais de facer algo prohibido, non estará realizando máis ca un obtuso exercicio de "voyeurismo", que non lle aportará valor engadido a ninguén, a non ser ó propietario da estación de servizo onde decidira repostar.

Se, en cambio, agarda a que todo o cangallo madure, saberá que esa uva e o seu cangallo serán vendimados no outono por unhas persoas ás que lles pagarán un salario. Logo, esa mesma uva irá parar a unha adega onde técnicos e operarios traballan todo o ano para prensala e transformala nun mosto que fermentará e producirá un viño que logo será embotellado por unhas máquinas con adiantada tecnoloxía nunhas botellas deseñadas por uns creativos que tamén deseñarán a campaña comercial que uns vendedores desenvolverán por aquí e por acolá para que o zume daquela insignificante uva acabe na súa mesma boca, pero pagando por ela nun restaurante de postín de calquera lugar.

Pois ben, o que Ourense enteiro leva décadas facendo cos "consumidores" do noso patrimonio cultural e monumental é promovendo "voyeurs" coma o ladrón da uva, que contemplan coma espantallos os capiteis (as pedras) dos mosteiros, das igrexas e mesmo da catedral. É dicir, sen achegarlle o máis mínimo valor engadido, e aínda por riba sen podelas rillar.

Te puede interesar