Opinión

Vivir no silencio

Vivir no silencio é unha opción de vida. É a opción que ti elixiches cando tódalas circunstancias que te rodeaban facían presaxiar que a vida te levaría por vieiros máis mediáticos e de meirande exposición pública cós que interiormente a túa prudente forma de ser che pedía.

Unha vez, hai uns cantos anos, cando tivemos ocasión de colaborar -ti dende a Mancomunidade e eu dende o Concello- nun traballo de xestión local, confesáchesme que a política non che interesaba absolutamente nada. Que o teu era outro mundo. Un mundo máis tranquilo, menos arroutado e con valores máis íntimos. E fuches fiel ás túas crenzas. Sobre todo a partir da chegada do teu fillo, ó que lle comezaches a dedicar tódalas enerxías de pai que sabías que el precisaba.

É certo, vivir no silencio foi a túa opción. No silencio dun segundo plano, que non resultou óbice, sen embargo, para que desenvolveras un encomiable labor á fronte do Centro Ocupacional do que tódolos veciños das Terras de Celanova nos sentimos orgullosos porque lle ten regalado unha vida intelectualmente activa e socialmente intensa a ducias de veciños da nosa comarca que doutro xeito estarían probablemente illados nos seus pequenos mundos.

Vivir no silencio -no silencio do teu traballo e do teu entorno familiar- foi a túa encomiable e consecuente opción de vida.

Por iso, o pasado sábado pola mañá, cando -coma tantos outros- fun testemuña estático e asombrado da túa agonía dentro daquela ambulancia medicalizada e estacionada no mesmo cerne urbano da túa e da miña vila, rodeado de tanta xente incrédula co que estaba presenciando; no mesmo intre no que un dos sanitarios abriu a porta e acenou coa cabeza, anunciando así a túa tráxica partida, non puiden menos ca blasfemar para os meus adentros e exclamar: !A vida é ben filla de puta!

E abofé que o é, porque non tiña dereito ningún a roubarte tan cedo, cando todos os do teu entorno familiar, laboral e de amizades -pero especialmente o teu fillo- máis te precisaban.

Pero, sobre todo, aínda tiña moito menos dereito a facelo dun xeito tan público e tan exposto como as dramáticas circunstancias dunha imperiosa necesidade de actuación médica inmediata quixeron que finalmente estivera rodeada a túa partida, malia a ti decidires por dereito propio a opción de vivir cos teus nese inviolable e prudente silencio que tanto e tan significativamente te identificaba.

Que a terra che sexa leve!, benquerido José Manuel, nas túas queridas veigas de Leirado, logo de teres impartido, coa túa senlleira forma de ser, unha curta pero exemplar lección de vida.

Te puede interesar