Opinión

¡Xa!

Cando relín a columna de nantronte decateime de que alguén podía chegar á conclusión de que, despois do que dixo a conselleira, eu quixera exculpar ós que por descoido, imprudencia ou con intención, acaban provocando o lume. E non.
Dado, pois, que se algo pode ser susceptible de ser mal entendido, a responsabilidade nunca é do lector senón da deficiente argumentación, sirva esta columna de reaxuste respecto das causas dos incendios que estes días, nunca mellor dito, nos abrasan.
Vaia por diante que dou por suposto que tódolos conselleiros e conselleiras de medio rural que pasaron polo departamento -e a estas alturas xa pasou todo o arco parlamentario- fan o posible para que ó longo da súa estadía á fronte do cargo se produzan os menos incendios posibles. E non só polo seu máis ou menos intenso apego ó cargo, senón porque son os primeiros e sufriren os seus devastadores efectos.


Vaia como continuación, que non vou ser eu quen responsabilice das queimas ós altos cargos da Consellería porque estaría cometendo unha inxustiza do tamaño do presuposto que o plan contra incendios consome do erario público cada ano, que é moito.
Naqueles casos nos que os incendios son intencionados, os únicos responsables son aqueles que achegan o chisqueiro á frouma, ás herbas ou ós toxos e eles son os que deben apandar coa responsabilidade de facelo. E esta é unha obviedade tan clara coma que -como escribía esoutro día- no deserto non hai quen plante lume, simplemente porque non arde.


Ora ben, dito isto e despois de ter escoitado a outros responsables da Xunta de Galicia, entre eles ó presidente, de sinalar co dedo acusador ós que poñen o lume e de acusar veladamente ós que gardan silencio, a min gustaríame facer unha reflexión final, que sei que non é, nin moito menos novedosa, pero que se cadra deberiamos repetir con frecuencia para non perdermos a perspectiva de fondo do problema.
Unha vez feita a pregunta de "quén queima o monte" a seguinte cuestión debería ser "por qué o queiman".


E, denantes de que saian en procesión pirómanos de atar, gandeiros de pastar, cazadores de andar, veciños temerosos das alimañas, madeireiros de carga negra e urbanizadores sen entrañas (é dicir, tódolos tópicos cos que nos levamos autoconvencendo durante décadas para evitar pensarmos que, por acción ou por omisión, os responsables somos todos) concienciarnos de que os incendios non son un problema, senón unha fatal consecuencia da ausencia de actividade socioeconómica no medio rural e de que a solución radical non pasa por sinalar co dedo ós que calan, senón por desenvolver ¡xa! políticas audaces de repoboación -non forestal, senón humana- que ninguén ten tido o valor de acometer, por unha simple razón: Os votos están na costa.

Te puede interesar