Opinión

¡Zonas de paz!

Se algo teño aprendido nesta ducia de días que levo transitando pola, malia todo, fermosa cidade de Caracas, isto é a retórica terminolóxica que ten o Goberno bolivariano e que contrasta co pequeno esforzo de imaxinación que fan para elixiren outros símbolos. Pois aquí todo recende a Bolívar. Dende a maltreita moeda, ata o máis mínimo servizo público. Como se fose unha relixión.

Os taxis, por exemplo, que se chaman taxis dende o círculo polar ártico ata a Patagonia, aquí reciben o nome de "Misión Transporte" e así se identifican cun luminoso panel, aqueles que teñen sido tocados polo afortunado dedo bolivariano e son quen de recibir un vehículo novo para facerlle a competencia ós estartelados "haigas" dos anos 50 e 60 que aínda serpentean polo caótico tráfico caraqueño.

No marco desta retórica, hai agora tres anos, despois de que a violencia colonizase todo o país e amedrentase á poboación rural e urbana con milleiros e milleiros de roubos, atracos, secuestros e asasinatos, o goberno bolivariano decidiu negociar cos grupos "antisociais" ou "hampones" -que é como lles chaman ás bandas criminais- e acordaron crear unhas "Zonas de paz" onde se comprometeron a non levar a cabo intervencións policiais e entregarlles electrodomésticos e outros beneficios materiais a cambio de que os grupos criminais entregaran as armas.

Co tempo, como era de agardar, o resultado foi que os criminais fixéronse con todo o poder neses lugares vetados polo goberno para a policía, cambiando os beneficios recibidos por armas e utilizando eses espazos como guetos nos que campan ás súas anchas e nos que amparan precisamente unha grande cantidade deses crimes cometidos.

Ó testemuñar esa deriva homicida, o goberno decidiu crear –entón- dentro da policía uns grupos denominados -continuando coa mesma retórica- Operativos de Liberación Popular, que en román paladino veñen a ser uns grupos de operacións especiais que alí onde entran arrasan con todo canto atopan no camiño.

Sirva como exemplo un "operativo" realizado no mes de abril nunha cidade chamada Barlovento, onde dunha "tacada" foron abatidos 13 criminais e desmantelados tres grupos de sediciosos. Ou, tan só unha semana antes de chagar eu a Caracas, nunha comunidade denominada “23 de Enero”, onde morreron outros 5 xuntos, o cal ten dexenerado nunha auténtica guerra entre as bandas e a policía, con "caídos" diarios por ámbolos dous bandos.

Dende que empecei esta pequena serie de artigos "caraqueños" propúxenlle sempre, benquerido lector, un exercicio de imaxinación para ser quen de ter unha pequena idea do que acontece nestas terras. Pero estou seguro de que isto –é dicir, que haxa unhas localidades estancas no país nas que non pode entrar a policía- resultaralle simplemente inimaxinable.

Te puede interesar