Opinión

A divina

Foi unha muller rara e solitaria, pero a Greta Garbo tamén a consideraron un dos mitos máis inmortais do cine e quizais a muller máis enigmática e fascinante que houbo nesa industria. A súa lenda segue viva e poboada aínda de sombras e soños. Retirouse do cine (outro gran misterio) estando na punta da póla, e xamais volveu rodar, a pesar das suculentas ofertas que lle fixeron (dende Ingmar Bergman ata Luchino Visconti) e a pesar de que, no seu tempo, houbo un equipo de guionistas contratado ex profeso para atopar unha película que lle gustara á Divina e que obrase o milagre.

Non houbo tal milagre. A Esfinxe, como tamén se lle chegou a chamar, a dama misteriosa que abraiou na pantalla e acendeu os desexos pola súa orixinal maneira de amar e de ser amada, era unha persoa moi reservada e fuxidía, unha personaxe distante que se fixo a súa lenda case sen querer.

En Hollywood os seus comezos non foron moi bos, e Mauritz Stiller (o seu valedor) tivo que loitar para que non lle botaran atrás o contrato á actriz. En 1926, Greta Garbo protagoniza “O torrente” e “A terra de todos”, baseadas en novelas de Blasco Ibáñez. Ambas diríxeas Stiller, pero axiña o substituíron por escuros realizadores. Nas dúas discretas películas destacou ela e axiña lle destacaron o poder de sedución.

A Metro, entón, buscoulle un filme adecuado e serían “O demo e a carne” (1926), de Clarence Brown, e “Ana Karenina” (1927), de Edmund Goulding, os que cimentarían o mito da Garbo, da muller irresistible e fatal; mito que cobrará toda a súa forza nunha película montada totalmente ó seu arredor, “A muller divina” (1928), unha falsa biografía da actriz Sarah Bernhard, dirixida polo seu compatriota Viktor Sjöström. A Garbo emocionou, engaiolou e dende entón xa pasou a ser A Divina. Era o máis semellante a unha deusa.

Meses despois realizaría outra película que lle iría como anel ó dedo: “A dama misteriosa” (1928), de Fred Niblo. O 8 de decembro de 1928, mentres fai “A muller lixeira” (1928), de Clarence Brown, recibe a noticia do falecemento do seu descubridor e gran amigo Stiller. “Atopeime coma un barco sen timón. Perdida e terriblemente soa”. Pero seguiu adiante. E dos seus pasos xa falaremos o venres que vén.

Te puede interesar