Opinión

Atractivo e perturbador

Houbo un tempo no que me gustaba moito o cine de terror. Agora xa recoñezo que este xénero non é que me atraia moito. Non obstante, por probar e porque intuía que unha película seleccionada para a Quincena de realizadores do Festival de Cannes non sería tan mala, foi polo que optei ver, dentro do ciclo Inédito en Ourense, a película “Men”. Protagonizada por unha moza que, logo de retirarse a unha mansión rural para curar a angustia, a culpa e o resentimento causados pola morte do seu home, axiña se sente ameazada pola poboación masculina da zona.

Películas sobre a violencia de xénero ou as distintas versións da masculinidade tóxica xorden a diario. Pero creo que non hai moitas coma “Men”, a nova película do escritor, cineasta e guionista británico Alex Garand. O realizador usa os diversos motivos do xénero de terror para traizoalos logo un pouco a todos e crear unha sorte de manifesto simbólico do terror que se lle ten a esa cousa chamada “homes”.

A historia é simple e perfecta para filmala en medio das limitacións pandémicas xa que a protagonista é practicamente unha soa (a inmensa Jessie Buckley) e apenas un par de actores máis, un deles interpretando a varios personaxes ou distintas versións dun mesmo. O primeiro que aparece é o seu home caendo ó baleiro no que semella un suicidio. Ela veo caer desde a ventá e pouco tempo despois xa vemos como marcha cara á campiña británica.

A película reconstruirá esa situación a base de flashbacks pero todos entendemos rapidamente que o que sucedeu nese salto ó baleiro deixou unha experiencia traumática para a muller, que acaba de alugar unha desas casas no medio da nada que con só ver un plano da mesma, un xa adiviña que acabará sendo escenario dalgunhas cousas raras. A súa idea é traballar, descansar e recompoñerse, pero tan axiña como o simpático e un tanto pesadiño dono da casa lla ensina, con todas as súas comodidades e luxos, sabemos que iso non pode acabar ben.

A partir de aí, o director consegue crear desconcerto, atmosfera, emocións e distintas suxestións que nos deixan un filme atractivo e perturbador.

Te puede interesar