Opinión

As derradeiras de John Ford

A triloxía de John Ford sobre a Cabalaría estadounidense é unha melancólica crónica de diferentes fracasos que, emporiso, aséntase sobre certo equilibrio entre a vida natural e familiarmente integrada e as esixencias socioeconómicas dun determinado momento histórico.

Así, “Fort Apache” (1948), é unha narración sobre a derrota do xeneral Custer fronte ás tribos apaches, que indaga tamén na diversa caracteroloxía estamental da institución castrense. “A lexión invencible” (1949) é a tensa crónica da derradeira misión dun maduro capitán de Cabalaría. “Río Grande” (1950) é un apracible relato sobre a traballosa intersección entre as institucións militar e familiar, todo elo baixo un prisma derrotista. Pola contra, “Caravana de paz” (1950) significa o retorno a un primitivo mundo en equilibrio.

En 1952, Ford roda “O home tranquilo”, que quere ser a volta ó agridoce recordo duns míticos antepasados, terreo dende o que o director, unha vez reencontrados tipos, situacións e elementos naturais que lle son queridos, opta por somerxerse no universo de fracaso e desolación que caracteriza a súa mellor obra desde 1955, tras a aventureira paréntese de “Mogambo” (1953).

“Liñaxe de heroes” (1955) supón unha descrición entristecida dos avatares que atravesa certo e escuro instrutor militar. “Centauros do deserto” (1956), un dos máis fermosos e estarrecedores filmes do seu autor, relata a patética e imposible busca de familia (nun territorio hostil) por parte dun excombatente. “Escrito baixo o sol” (1957) é unha aceda película que narra os pequenos éxitos e as grandes expectativas fracasadas dun vello e tollido as da aviación. “O derradeiro hurra” (1958) amosa os esforzos dun vello e populista alcalde por ser reelixido.

Un novo conxunto de westerns profundará esta última e desencantada traxectoria de John Ford: “Misión de audaces” (1959), “O sarxento negro” (1960), “Dous cabalgan xuntos” (1961), “O home que matou a Liberty Valance” (1962), “O gran combate” (1964) e “Sete mulleres” (1966). O terceiro mellor director de cine de todos os tempos, segundo Orson Welles (os outros dous eran John Ford e John Ford), morreu de cáncer o 31 de agosto de 1973 en California.

Te puede interesar