Opinión

Unha dor de cabeza

Amalia é unha nena como as outras do coro, que se cuestionan as súas crenzas relixiosas. Cando o Dr. Jano chega para dar unha charla ó hotel onde Amalia vive coa súa nai, ela sente que ten unha misión: librar do pecado a ese home que está seducindo á súa nai.

Pódese dicir moi sinceramente que "A nena santa" (2004) é coma unha dor de cabeza que che fai as pascuas pouco a pouco. Coma un virus descoñecido, misterioso e eficaz, ante o que non se pode facer nada máis que esperar a morte. Todo está máis que viciado no cine de Lucrecia Martel menos o seu talento para o minimalismo pechado, enfermizo e frustrante, pero finalmente liberador. A directora de "O lamazal" volve retratar a decadencia da burguesía, e volve situala ante as súas posibles ansias redentoras. 

O sostén dun equipo de actores marabilloso, no que a asombrosa Mercedes Morán leva as rendas dunha magnífica coral/moral e, de paso, dun hotel-balneario que semella que saíu de calquera relato imposible de Jorge Luis Borges ou de Adolfo Bioy Casares. Alí rebuldan, tarabelean, entre o tedio, personaxes con sentimento de culpa, descritos ó detalle por un guión no que se oen (e case doen) ata as agullas do carillón, perdidos nun tempo que non importa e que só pasa para o espectador. 

Os remordementos axexan, escaravellan por entre as inquietantes e preguiceiras relacións humanas dos fantasmais inquilinos, alugueiros e choiantes deste lugar no que buscarlle un sentido á vida (atopar unha misión, como esa misteriosa nena santa) é unha tarefa errática, na que se afanan os que poden, sen moita convicción, co medo a vivir o propio dos que cren telo todo e non encontran alento. 

Se na superficie da piscina de "O lamazal" semellaba que non sucedía nada, pero había que ter moito ollo con mergullarse, esta vez hai que quedarse a comer e durmir, e incluso celebrar un congreso nos seus salóns estilo (caída do) Imperio neste inquietante establecemento hostaleiro. Non valen mediopensionistas no cine da directora arxentina.

Te puede interesar