Opinión

Feminista e antibelicista

Nada á sombra dun monstro do cine, Jane Fonda foi nos seus comezos unha pequena gatiña sexy que decidiu dedicarse ó cine e que soubo converterse non só en actriz, senón tamén na produtora das súas propias películas, ademais de feminista, activista política, antibelicista e multimillonaria.

Filla de Henry Fonda e da súa segunda muller, Jane naceu o 21 de decembro de 1937 en Nova Iorque. Cando tiña doce anos, a súa nai, que non estaba moi alá, cortou a gorxa. A partir de entón a súa infancia foi abondo solitaria. Arrodeada de luxo e confort, acudía ós mellores colexios, pero o seu pai e as súas sucesivas madrastras viaxaban continuamente.

En 1958, decidida xa a seguir os pasos do seu pai, acudiu ó famoso Actor’s Studio. Lee Strasberg díxolle que tiña talento, polo que Jane traballou de modelo para pagar as clases co gran mestre. Non tardou en debutar con pequenos papeis en Broadway, pero aínda eran o seu físico e o seu apelido, máis que o seu talento, o que atraía ó público.

Jack Warner contratouna para o cine en 1960. Fixo que se tinguira de loiro e que aplicase toda clase de postizos para rodar a súa primeira película, “Casarei contigo”, de Joshua Logan, na que interpretaba a unha mociña que ingresa na universidade co único propósito de ligarse a un compañeiro.

Dous anos máis tarde xa a dirixiría o gran George Cukor en “Confidencias de muller” e, ó momento, marchou a Francia para rodar con Alain Delon, co que mantivo un curto romance, o filme de René Clement “Os felinos”.

Durante a rodaxe de “Historia de amor á francesa” (1965), de Roger Vadim, a Fonda e o director namoráronse de tal maneira que non tardaron en casar e ter unha filla. Fixeron xuntos varias películas, entre as que destaca “Barbarella” (1968).

Foi a rodaxe de “Danzade, danzade, malditos” (1969), de Sydney Pollack, cando Fonda empezou a demostrar que era unha verdadeira actriz. A proba é que co seu seguinte filme, “Klute” (1971), de Alan J. Pakula, acadou o seu primeiro Oscar por facer de prostituta. O segundo chegaríalle con “O regreso” (1978). Fixo tamén “Julia”, “O síndrome de China”, “A manda humana”, “No estanque dourado” e“Gringo Vello”. 

Te puede interesar