Opinión

Marabillas mudas

Pensei que non chegaba nunca! Que non chegaba nunca o atrevemento dunha canle televisiva para proxectar algo de cine mudo (algo, só que fose algo). E a 2 de TVE atreveuse. E a falta dunha película, zas, lanzounos dúas. Por fin! E vaia dúas! Dous auténticos clásicos, dúas espléndidas obras mestras, dous marabillosos monumentos: El chico (1921), dun xenio chamado Charles Chaplin e El maquinista de La General (1926), dun mestre que respondía ó nome de Buster Keaton, aínda que nesta película axudoulle na dirección Clyde Bruckman.

Por certo, aínda de cando en vez existe o debate de quen foi mellor, se Chaplin ou Keaton? Eu, sinceramente, dáme un pouco de carraxe estas discusións. Porque, se dis un, como podes deixar ó outro! Co bonito que é dicir que son enormes, grandiosos e distintos. Punto. Para que máis polémica. Como anécdota, dicir que traballaron xuntos en Candilejas (1952), tamén de Chaplin.

O outro día vin esas dúas películas e nas dúas gocei coma un anano. Perdón, volvín gozar. Porque as vin xa varias veces; principalmente a de Keaton, a causa de que a teño en DVD, e a noite (sempre vexo as películas polas noites) que me quero rir, boto man de El maquinista de La General porque sei que me rirei aínda que non queira. Algo que tamén me pasa (por tela tamén en DVD) con La vida de Brian (1979)

Primeiro proxectaron El chico, na que, a maiores de Charles Chaplin (director, produtor, guionista, actor e músico), actúa tamén a súa musa Edna Purviance e o neno Jackie Coogan, que sería o seu maior éxito na súa carreira cinematográfica. A película é toda unha historia chea de humor, esperpento, tenrura e sentimento, moito sentimento. Máis melodramática, por suposto, que a de Buster Keaton. E todo o gozo está en contemplar a ese neno que se pode dicir que lle rouba o protagonismo ó propio Chaplin, que xa é dicir.

El maquinista de La General é unha marabillosa comedia chea de aventuras ou unha aventura na que se encadean gags que funcionan como un aparato de precisión. É ver a un tío, serio, con cara de ferreiro, que nos fai rir a cachón (o gran “toque” de Keaton era ese: que nunca se ría e, non obstante, con el, partimos de risa). A película non ten un instante de pausa e nela amósase unha lección maxistral de planificación e montaxe. Resumindo: dúas auténticas marabillas.

Te puede interesar