Opinión

OS MILAGROS, ALGO ESPECIAL

A pesar da mala organización no santuario dos Milagros coa mestura de coches e xente dende a rotonda feita no cruce coa estrada que vai a Vilar de Barrio e a pesar de que na misa das cinco e media da tarde do pasado xoves, a xente que quedou fóra por non conseguir entrar ao templo non puido escoitar a correspondente misa por non estar conectados os altofalantes; digo que a pesar destes dous inconvenientes, destes dous atrancos, as novenas que se están a celebrar nos Milagros de Baños de Molgas teñen, para un servidor, o seu aquel. Falando claro, son algo así como sagradas, ás que hai que ir aínda que tan só sexa dúas ou tres veces. Teñen o seu aquel porque é toda unha vida indo ano tras ano a ese lugar; andando, en burro, en coche. Teñen o seu aquel porque, o lugar, en concreto, é especial. A maiores de estar tan só a uns catro quilómetros do meu pobo, aí me tirei oito anos de estudante; aí era, antes incluso. un visitante habitual nas fins de semana cando ía ver aos irmáns que estudaban no colexio vello. Eu era o Rivas pequeno. E como pequerrecho, acaparaba toda a atención dos compañeiros dos irmáns. Así é que, Os Milagros sempre será algo especial; con novenas e sen novenas. Ata cando xa deixei de estudar e ía coas vacas para o monte Medo, deixabamos estas e achegabámonos alí para xogar ao frontón. Un cariño especial.

Te puede interesar