Opinión

Non hai volta de folla

Non hai volta de folla. Existen dous mundos opostos. Ou máis. Non che é o mesmo Haití que calquera país dos chamados “civilizados”. Os mortos non che teñen o mesmo valor. Vaiche boa! Os dos países “civilizados” cotizan á alza nos medios de comunicación, mentres que os mortos de Haití nin tan sequera conseguen facelo nas redes sociais, que xa é dicir. Estamos manipulados e podres. Os mortos de Europa ou unha zona concreta de América (chámese, por exemplo, Estados Unidos) fan correr ríos de tinta e bágoas de desconsolo. Polos mortos de Haití, pola contra, corren os bichos e a máis completa indiferenza. Dous mundos opostos. Dúas conciencias impávidas, distintas, amorfas e estúpidas.

Non hai volta de folla. As cousas son como son, e punto. Francisco Correa tiña a súa casa na sede do PP, na rúa de Génova, e os do Partido Popular sen decatarse. Manda truco en Baños de Molgas! O mesmo, o mesmo que a ex ministra Ana Mato, que non sabía que o seu home gardaba no garaxe a tira e máis de coches de luxo. O mesmo, o mesmo que a infanta Cristina, que tampouco sabía nada do que facía o seu pillabán Urdangarín. Somos un país realmente simpático: sabemos todo dos veciños pero non vemos a goteira no noso tellado.

Non hai volta de folla. Bob Dylan era un poeta inmenso antes do Nobel, e agora xa é… que é? Seica un premio mal dado. Somos pura contradición. Eu mesmo entro nesa contradición: non sei inglés, polo que non sei o que di, pero si sei que voo coma os anxos cando escoito as súas cancións. Algo terán, digo eu. Veña, pasemos agora folla.

Te puede interesar