Opinión

Película para sentila

"O dobre máis quince” é un proxecto pequeno e intimista pero tamén é unha proposta arriscada. Pero sen ningunha dúbida, o director Mikel Rueda fainos un bo agasallo en forma de película. A forma na que está rodada é unha marabilla, tan achegada a un que che permite seguir perfectamente a historia da parella protagonista pola cidade de Bilbao, que case se converte nun personaxe máis. O filme está cheo de conversacións tan profundas e sinceras que fan reflexionar un chisco ou incluso un moito, ó mesmo tempo que intentan facelo os propios protagonistas. Porque as súas inquedanzas, os seus medos e os seus pensamentos poden ser os de calquera en algún momento das nosas vidas. E quizais sexa esa sinceridade a que fai que “O dobre máis quince” sexa unha película para sentila.

Mikel Rueda deposita a eficacia emocional nos diálogos duns personaxes descolocados e errantes, encarnados polo mozo Germán Alcarazu e por esa impresionante Maribel Verdú, que case se pode dicir que é do mellorciño ou o mellorciño de España. A Verdú ten tal técnica interpretativa que transmite satisfacción, transición e señardade mentres a cámara espreita as súas faccións.

Creo que foi o propio director do filme o que definiu ó mesmo como “road movie andando”, e é unha definición moi adecuada, xa que utiliza un ritmo pausado pero sen parar, e tendo unha primeira escena de presentación realmente bonita, en canto a ritmo e silencios. A historia acompaña a dous seres en crise, que se ispen emocionalmente. Ó longo do seu paseo polas rúas de Bilbao contraporán os seus diferentes puntos de vista xeracionais sobre temas coma o amor, a felicidade, o paso do tempo, a xuventude, os soños que se quedan polo camiño e a covardía ou valentía á hora de facer fronte ás dificultades. Semella que algúns diálogos están demasiado construídos, pero o que din é de tal fondura e a parella acada unha química tan especial que merece a pena acompañalos durante un percorrido no que o tempo se detén e non existe ninguén máis que eles. Resumindo, que “O dobre máis quince” alcanza unha contundente personalidade propia.

Te puede interesar