Opinión

A tentación é tan grande!

Non podo comigo. Non podo entrar nunha biblioteca. Cada vez que vou devolver un libro, zas, sempre caio na tentación. E non vale que me diga “hoxe non pillo, que aínda me quedan algúns para ler”. O pensamento, o desexo queda en auga de bacallau. Voume ó estante das novidades e... a tentación é tan grande! Teño unha lista de libros para ler que abarca catro folios xustos. Pois ben, aínda que no estante das novidades non se atope ningún dos da lista... a tentación é tan grande!

E miro, e remiro ata que, claro!, normal!, sempre cae algún. Hoxe mesmo, estou lendo un de case 1.200 páxinas, levo lidas só 200, o que significa que aínda me quedan 1.000, o que volve significar que teño para uns días. Pero claro, fun entregar outro, e boteille a ollada ás novidades, e non había ningún dos da miña lista, e non acabei pillando un máis, senón que caeron dous. A tentación é tan grande! Oh my God!, que teñen os libros! Dáme igual que non os teña na lista... son libros! Ó mellor algún está ben, penso sempre. E caio coma un paxariño! Non podo comigo. Canto me gusta soñar esperto! Porque lendo, soño.

Te puede interesar