Opinión

MAPUCHES, DEREITOS IGNORADOS

Todo Chile, e o resto do mundo, está vivindo en directo a dramática situación de 33 mineiros soterrados nunha cámara a 700 metros de profundidade, por mor dun desprendemento, e seica dunhas deficientes medidas de seguridade. Este tráxico suceso deixou nun segundo plano outros feitos que marcan a actualidade do país, como a protesta do estudantado, denunciando a falla de recursos públicos, a folga de fame de 31 militantes mapuches, detidos en distintas cadeas, despois de xuízos de dubidosa imparcialidade, e a carencia de solucións acaidas desde o Governo aos milleiros de persoas dislocadas polo terremoto e posterior maremoto. A estes acontecementos compre sumar as consecuencias da crise, cun importante medre da pobreza, nun país onde as desigualdades sociais son moi acusadas. Sen dúbida a Piñera, un presidente moi neoliberal, non lle ven mal dirixir toda a preocupación á traxedia da mina en Atacama (máxime despois de atopalos con vida), evitando que a atención pública se centre en problemas de tanta fondura (e non conxunturais) como o mapuche, estudantil, ou laboral. Por iso, pra alén dos motivos solidarios, a súa teimuda presenza na zona da mina ten unha evidente rendibilidade pra súa imaxe política, tanto en Chile como no exterior.


O conflito mapuche é, pola súa gravidade e dilatado proceso histórico, dunha grande importancia e ademais reflicte as limitacións da democracia en Chile. Lembremos que os mapuches, que ocuparon extensas áreas do sul de Chile e Arxentina, son na actualidade máis de un millón de persoas, dos que só unha parte permanece nas comunidades orixinarias, moi reducidas territorialmente, e outros están en áreas ocupadas polos brancos e mestizos, ou inmigraron ás grandes cidades. Rente dun 90% dos mapuches viven en Chile. Foron das poucas nacionalidades que se enfrontaron con éxito á conquista daqueles territorios americanos pola Coroa de Castela, e só no último terzo do século XIX a súa situación mudou, por mor da chamada pacificación da Araucania (en Chile) e conquista do deserto (na Arxentina), un proceso que rematou en 1883, aínda que houbo algunha revolta posterior.


Tras a súa derrota, o povo Mapuche foi concentrado en 'reduciones' das que en 1929 existían en Chile un total de 3.078 que abranguían só 525.000 hectáreas, un 6,18% do territorio que ocupaban orixinalmente. Ao mesmo tempo desde o Governo alentouse a inmigración de europeos, de xeito que ate 1901 xa chegaran 36.000, aos que se lle entregaron terras. A colonización foránea foi parella á discriminación e explotación. Un exemplo, no ano 1934 diante dos abusos da patronal dos serradoiros os mapuches protestaron en Bio Bio, e a represión do exercito causou 477 mortos.


A folga de fame dos 'pu weichafe' (guerreiros) encetou o 12 de xullo pasado; denuncian que se lles aplicara a Lei Antiterrorista, e que existan casos, como os da 'lonko' Juana Canfunao que continúa en prisión malia que debería estar en liberdade hai seis meses (fora condenada a seis anos). Piden un trato distinto por parte do Governo á cuestión Mapuche, unha revisión dos xuízos, e a liberdade dos detidos. A principal reivindicación é a recuperación das terras e dereitos políticos (a autonomía).


A problemática agravouse coa chegada de empresas transnacionais cunha explotación irracional da madeira e da enerxía hidroeléctrica. Isto provocou na última década protestas e ocupacións, tendo como única resposta a militarización e man dura, descoñecendo os dereitos dos mapuches sobre estes territorios e criminalizando a protesta. A folga de fame conseguiu a solidariedade de numerosas organizacións no país, mesmo dun fato de parlamentarios, e alentou unha campaña internacional, na que destaca unha denuncia diante das Nacións Unidas (o convenio 169 da OIT consagra os dereitos dos povos orixinarios).

Te puede interesar