Opinión

A cidade e a “acrópole episcopal”

Acrópole episcopal (negro), entre as cidades romana (vermello) e medieval (azul).
photo_camera Acrópole episcopal (negro), entre as cidades romana (vermello) e medieval (azul).

Aínda non sabemos como era Ourense na época romana. Como teño escrito moitas veces, de momento estamos en condicións de teorizala, pero no de describila, aínda que sexa sucintamente. As escavacións permítennos propoñer un plano da súa extensión; tamén ir acoutando datas da súa antigüidade. Incluso as posible causas que motivaron a súa existencia. Pero aínda non somos quen de describir as rúas, tampouco os edificios señeiros e comúns, agás escasísimos exemplos. Sen embargo enos máis accesible a cidade medieval. Contrariamente ao que ocorría coa romana, temos máis datos de como era Ourense no medievo a través da documentación que pola investigación arqueolóxica. Aí están os traballos de Xesús Ferro Couselo, Olga Gallego, Anselmo López Carreira, Mercedes Durany ou Afonso Vázquez-Monxardín.

O burgo medieval se estendía, aproximadamente, entre o actual edificio de Facenda e a igrexa da Trindade, e entre a rúa de Hernán Cortés e As Burgas. Pero naquela cidade existe especial algo que a caracterizaba: os edificios que formaban o complexo episcopal, entre a Catedral e o actual Museo Arqueolóxico -o antigo pazo episcopal- e dende as rúas da Unión, Cardeal Cisneros e de Hernán Cortés, ata a da Barreira e a Praza Maior. Todo un conxunto que, dada a súa posición topográfica dominante sobre a cidade, non poucas veces denominei “acrópole episcopal”, con gran transcendencia na configuración do urbanismo dende o século XII. O cambio espectacular que orixina a Igrexa poderiámolo considerar como unha “cristianización da topografía urbana”. E non debemos atribuír á casualidade que este conxunto episcopal se sitúe precisamente na zona de confluencia entre as cidades romana e medieval, que espacialmente non se superpoñen con exactitude, senón que a medieval desprázase cara ao norte con respecto aos límites do núcleo romano: este remataría aproximadamente ao norte dunha liña imaxinaria entre a Praza da Madalena e As Burgas. Para que se dean contan da magnitude deste núcleo eclesiástico, propóñolles un paseo que o circunvalaría, independentemente das modificacións do rueiro e do parcelario dende aquel entón ata hoxe: comecen na confluencia das rúas de Cervantes, Burgas e Barreira e suban as escaleiras ata a de Hernán Cortés. Irán bordeando o Cárcere de Coroa, o Museo Arqueolóxico e o antigo Arquivo Histórico. Continúen por Hernán Cortés, Cardeal Cisneros e Praza do Trigo. Bordeen a catedral pola da Unión, Juan de Austria e das Tendas. De alí, atravesando a Praza Maior, baixen a rúa da Barreira para volver ao punto de inicio. Como ven, circunvalamos un conxunto arquitectónico esencial para Ourense.

O poder do Bispo na cidade, que maioritariamente remontan ao século V -e Juan Carlos Rivas sitúa polo menos dende finais do século III-, foi cobrando auxe nesta cidade. En todo caso, a data de 1122 foi esencial para ela. Nese mesmo ano, dona Teresa de Portugal lle concede unha “carta puebla”, documento que outorga varios privilexios para promover o comercio e a demografía. Deste modo, e entre outros privilexios, concédelle ao bispo Diego Velasco o dominio xurisdicional da cidade. Dende entón, e ata o século XVII -concretamente ata o ano 1628-, Ourense é un señorío episcopal, polo que os prelados son, ao tempo, “pastores de almas e señores de vasallos”. Como ven, estamos ante outro dos factores claves que deron forma e configuraron urbanísticamente Ourense.

Te puede interesar