Opinión

As terras de Galicia e os vestixios orgánicos

Os solos de Galicia formáronse pola transformación do substrato rochoso e por procesos principalmente erosivos e sedimentarios. As nosas terras son pouco profundas, cun abondoso contido orgánico e dotadas dunha forte compoñente ácida, con valores de Ph -índice de acidez ou de alcalinidade- baixos, inferiores ao grao 7. A acidez, que contribúe a darlle ese sabor “do país” que tanto apreciamos aos nosos produtos, especialmente froitas e viños, é un problema para conservar vestixios arqueolóxicos orgánicos, aqueles que un día foron ou se fabricaron con materias vivas, tanto animais como vexetais, cunhas posibilidades de pervivencia moi sensibles ao transcorrer do tempo e ás variación climáticas e ambientais. Esa mesma acidez tamén acelera a desintegración dos restos humanos.

As rochas graníticas, xistosas, e migmatíticas, tamén cuarcitas e arenitos que abundan nas nosas paisaxes, formaron solos ácidos que dificultan a conservación deste tipo de restos. Gran parte dos xacementos arqueolóxicos son antigos cemiterios. É o caso dos dolmens que, como saben, eran panteóns funerarios dos campesiños neolíticos que poboaron o noroeste hispánico dende finais do V milenio ata o III BC. Nas escavacións atopamos neles restos de cacharros cerámicos e de pedra -algunha vez metal- pero polo momento non restos humanos, aínda que teñamos a certeza de que eran tumbas polos achados noutros lugares en que as condicións si que permitiron a conservación de cadáveres. Máis milenios atrás, a información tamén se dificulta. Sería o caso das ferramentas de madeira ou de óso feitas polos homínidos que nos precederon, polo que é máis fácil atopar utensilios de pedra, que son a base das clasificacións tipolóxicas para estudar as primeiras etapas da humanidade. Xunto cos tipos de solos que predominan en Galicia, existen outros factores que actúan á contra da conservación. O noso territorio, como gran parte de Europa, sitúase na zona temperada do planeta, fóra de extremos climáticos. Tal bondade para habitar é un impedimento para a preservación dos vestixios orgánicos. Aínda que aparentemente pareza estraño, as circunstancias climáticas extremas son as que máis axudan á conservación, a que poidamos atopar estes restos nos xacementos, circunstancias que tamén son alleas aos escenarios ambientais de Galicia. As condicións extremadamente frías, propias dos ambientes glaciares, diminúen os procesos de degradación dos restos orgánicos. Recordarán o “home dos xeos” -”Otzi”-, descuberto en 1991 nun glaciar dos Alpes de Ötzal. O estado de conservación deste varón que viviu hai un 5.300 anos, despois de case cinco milenios e medio é tan bo que se puido saber que morreu por un frechazo que lle perforou un pulmón, ademais dun traumatismo cranial e varias costelas rotas, nun ataque por sorpresa mentres repousaba unha copiosa comida. Incluso se obtiveron datos sobre o estado de saúde e tratamentos curativos, sobre a dieta e, incluso, que lucía sesenta e un tatuaxes. Estes datos non son fáciles de ver cando non se conserva a materia orgánica. Tamén o calor extremo contribúe a que non se reproduzan microorganismos que deterioran a materia orgánica. Outro lugar que propicia a conservación son as zonas pantanosas e as turbeiras, caso das lanzas neandertais atopadas nos pantanos de Shöningen, en Alemania.

Afortunadamente para a vida cotiá e desafortunadamente para a a arqueoloxía, carecemos das condicións extremas que facilitan a axeitada conservación destes restos.

Te puede interesar