Opinión

Falamos de paisaxe

Un estudio realizado pola Fundación Santa María La Real, entidade sen ánimo de lucro, “privada e independente”, identifica, define e cataloga vinte e catro tipos de paisaxe diferentes nas cinco Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago Francés, que comprende tamén sesenta e nove unidades paisaxísticas, ao longo de 173 municipios. Esta Fundación ten como obxectivo a mellora da sociedade, mediante a posta en marcha de proxectos e iniciativas baseadas nas persoas, no patrimonio e na paisaxe.

Como indican moitos dos responsable municipais desta ruta, a paisaxe configura a identidade dos lugares por onde transitan os peregrinos, enriquecendo aqueles aspectos artísticos, arquitectónicos, lingüísticos e culturais. A propia Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) tamén lle dá voltas a este tema e prepara xornadas de debate para ensinar, difundir, observar e aprender, para non sorprenderse dos efectos que pode achegar inmediatamente o cambio climático.

Pero, que é a paisaxe? E, cales son esas paisaxes diferentes ou esas formas distintas de interacción do home co medio? Cal é o papel que desenvolven os peregrinos? Naturalmente, as xentes que andan están condicionadas polo clima, polos cambios que nel se producen, polo recorrido e polas características do mesmo. Para salvar as dificultades, as investigacións apuntan á necesidade de comprender, entender e, xa que logo, observar o dicir de quen vive na contorna do Camiño.

A xente, obviamente, dá esencia e fundamento ao Camiño de Santiago, ao pasar e ao ver aos que pasan. Todos, uns e os outros teñen presente a ameaza constante do cambio climático, dese aumento esaxerado da temperatura, do risco de incendios forestais de difícil comprensións e, como di o informe da Fundación Santa María La Real, o papel tan negativo e tan perigoso das chuvias torrenciais, que, como di a Tía Manuela, “ninguén sabe cando empezan e, moito menos, cando acaban”. 

E, se falamos de paisaxe, falamos de poboación e poboamento, de usos da terra e dos costumes de traballala, da vexetación e da fauna. Falamos do que vemos, sentimos, escoitamos e andamos. A paisaxe é a vida enteira nos lugares, nas cidades e naqueles espazos que recorre guiada polos camiños que van e veñen, que paran e seguen.

Te puede interesar