Opinión

Unha muller indefensa

Como se fose unha sangría que lle pon a pel de galiña a grande maioría social deste pais, continuamente van acontecendo episodios mortais froito da violencia de xénero. O machismo segue vivo na sociedade e, de cando en vez, solta unha mortal labazada.

O crime que aconteceu días pasados nesta provincia podería evitarse se a xustiza tomara as medidas oportunas, tralo aviso e solicitude de protección dado pola Garda Civil. Tristemente non foi así e hai que sumar a morte dunha muller indefensa máis a lista das asasinadas pola súa parella. Unha máis e non sei cantas van, e a lista segue. A súa señoría non estimou fundamentadas as sospeitas e pasou o que pasou, foi morrer no centro sanitario onde chegou para curarse. Pero, deste penoso e triste acontecemento hai varias cuestións que me chaman a atención. A primeira é que a autoridade xudicial non protexese nin permitira a intervención do teléfono do presunto asasino, pois pedíao unha institución como a Garda Civil que tiña probas fundadas. E a segunda está relacionada co nome da persoa responsable que impediu tal protección, sabedora do que acontecera días atrás nesa familia, por iso pregunto: por que se agocha o seu nome?

Outra cousa que me chamou a atención é que a morte fora nun centro onde se vai buscar saúde, aínda que non culpo a ninguén, pois as visitas son libres para acompañar ós doentes. Ademais do dito, tamén me chamou a atención que habitualmente, cando se trata de imputación a un político, sexa do rango que sexa, inda sen probas concluíntes, non se dubida en publicar fotos e nome completo do mesmo e sometelo a coñecemento do público. Supoño que para escarnio. Mais cando se trata dun funcionario, como é o caso, ou incluso dun delincuente, no mellor dos casos, aparecen as iniciais soamente ou nada en prensa. Evidentemente que un erro pode telo calquera, e iso non implica culpabilidade, pero si responsabilidade, e supoño que será un pesadelo por moito tempo na conciencia de quen podía impedir un crime e non o fixo.

O machismo vive e perdura tristemente nunha sociedade como a nosa. As que deberan ser relacións de respecto entre persoas, vólvense complicadas cando o varón se impón pola forza e non existe un diálogo racional. Por iso, aparte de ter que traballar dende todas as institucións para rematar con esta doenza, non entendo a pouca sensibilidade das autoridades que non estiman as peticións de protección pedidas por unha institución que xa tiña fundadas sospeitas dobre o que lle acontecerá a esa muller no seu propio fogar.

Te puede interesar