Opinión

Alepo e o fin da 
guerra en Siria

Oexército sirio acaba de cortar o acceso á zona leste de Alepo, cercando así unha zona na que viven unhas 200.000 persoas, e que está ocupada pola Fronte Al Nusra e aliados dende o ano 2012. Antes da guerra, Alepo era a segunda do país en povoación (máis de 2 millóns de habitantes), e a de maior dinamismo industrial e comercial. Ten unha importancia xeoestratéxica, tanto pola súa proximidade á fronteira turca, como aos territorios habitados polos curdos sirios (nos que xa hai uns 2.000 soldados da OTAN “asesorando” as milicias do YPG que combaten contra o Daesh e reivindican un estado nunha siria federal).

Como resposta ao avance do exército sirio que apoia a aviación rusa, as forzas da oposición armada, todas elas, dende as terroristas islamitas ate a o Exército Libre Sirio, están a facer inxentes esforzos pra rachar o cerco do leste de Alepo. Con este fin, seica desprazaron tropas de todo o país. Mesmo o Governo de Erdogan, e as súas múltiples caras, esixiu que remate o cerco. No mes de xuño, varios medios facíanse eco da chegada masiva á cidade de camións con armamento pra oposición armada procedentes de Turquía. Despois do golpe militar, Ancara decidiu retirar de Alepo tanto os asesores militares como os axentes do servizo de intelixencia, por considerar que a oposición non podería resistir o avance do exército sirio, e seguramente pra evitar un choque directo coas tropas de Assad.

En Siria, pra alén das razóns internas do conflito, entres as que están as reformas neoliberais feitas nas últimas dúas decadas que desmantelaron en boa parte unha economía na que o papel do público era moi importante, e os cambios climáticos, houbo factores externos que alentaron a guerra civil. Fíxose tanto por parte de Israel, como portaavións de Estados Unidos na rexión, como das monarquías da zona, sempre temerosas das propostas republicanas e socializantes, malia que a esta altura estivesen moi diminuídas.

Non é casual que Arabia Saudita e Catar estean comprometidos no xurdimento das organizacións armadas sectarias, que deron lugar ao Estado Islámico (Daesh) e Fronte Al Nusra, e que Turquía dese folgos aos Irmáns Musulmáns nun principio, e ás minorías turcomás nos últimos anos. Os milleiros de mercenarios que integran estas forzas terroristas están financiados e son armados con material militar moderno, e Estados Unidos conta no territorio curdo cunha base e outra na fronteira con Xordania. Ou sexa, que invadiu un país soberano, sen ningún tipo de aval da ONU, só co pretexto da democracia e combater o terrorismo. Nesta tarefa, sumáronselle tropas de Alemaña, Reino Unido, Francia e Dinamarca. O Governo sirio conta co apoio de Hezbolá, Irán, Iraq e Rusia.

Trátase dunha guerra mundial en miniatura, na que se xogan intereses xeoestratéxicos, e se ignoran as regras internacionais de soberanía e respecto mutuo entre países, e de protección dos civís. O que fai pensar que a paz será moi custosa, mesmo que Assad gañe a batalla de Alepo, porque tanto Estados Unidos como outras potencias occidentais aliadas, as monarquías reaccionarias da zona e Turquía, non teñen interese en que Siria sexa soberana. Se saíse triunfante desta guerra, por máis desfeita que estea, representaría un exemplo “perigoso” pra outros povos na rexión. A intervención de Washington busca unha paz á iraquí, ou sexa: un país formalmente unificado porén fracturado pra asegurar unha zona de influencia da OTAN. Daquela, que nesta guerra fose sacrificada a confianza pra conseguir acordos, tanto entre potencias, como destas cos países máis pequenos. Recuperar a confianza custará décadas, aínda que se impoña a paz en Siria, porque deixa un país destruído en función exclusiva de intereses de poder, ás veces tan cativos como unha elección presidencial no imperio.

Te puede interesar