Opinión

Brasil, a reforma que non foi posíbel

A República Federativa do Brasil, coa que temos en común a lingua e unha morea de emigrantes que alá foron, é unha das potencias emerxentes, cunha povoación rente dos 200 millóns de persoas e un PIB semellante ao do Reino Unido. É un país inmenso, moi diverso en canto á xeografía e ao grao de desenvolvemento. Mais resulta evidente que ten unha sistema político consolidado, no que a alternancia no governo faise sen grandes conflitos. Será porque a esquerda abandonou as súas reivindicacións estratéxicas? Ou é porque a oligarquía e a dereita decidiron aceitar certas regras de xogo democrático sen recorrer a petar nas portas do cuarteis? Pode que a resposta sexa afirmativa en ambos os casos, máxime cando a última experiencia de golpe militar deixou un regueiro de mortes e represión, e a economía tampouco funcionou como esperaban as clases dominantes, co aumento en poucos anos da inflación e do déficit externo.

Fago referencia a este tema porque hai agora medio século, o 13 de marzo de 1964, o presidente do Brasil João Goulart convocou o povo na cidade de Rio de Janeiro, e diante dunha inmensa multitude de traballadores e estudantes explicou as características do decreto de Reforma Agraria, tan necesario e arelado polo campesiñado. Non era unha decisión doada, xa que significaba chocar cos intereses dos terratenentes, mais tamén con moitos altos mandos do exército ligados tradicionalmente á explotación da terra. A expropiación encetaría en sesenta días e “pagaríase tendo en conta o valor declarado pra o pago do imposto territorial”. Non serían afectadas as propiedades menores de 500 hectáreas e as que tiñan un rendemento igual ou superior á media da rexión. Ese mesmo día Goulart aprobou a nacionalización de Petrobrás e de seis refinerías petroleiras.

Desde xeito o presidente confrontaba cos sectores máis conservadores. En resposta, estes organizan unha manifestación en Rio de Janeiro baixo a consigna “Marcha da familia, con Deus e pola Liberdade”. Esa situación era complexa; tanto que unha asemblea de 1.500 fusileiros navais e mariños reunida na sede do Sindicato de Obreiros Metalúrxicos de Rio de Janeiro, esixe a renuncia do ministro de Mariña por ter ditado unha orde de arresto contra o presidente da Asociación de Fusileiros Navais e sancionado unha ducia deles, coa escusa de que asinaron un manifesto de apoio a Goulart.

Os altos mandos militares, diante dunhas propostas que atinxían os seus intereses e do ascenso da politización nas tropas, optaron por dar un golpe de Estado o 31 de marzo que se denominou “Revolución Libertadora Brasileira”. O governador de Guanabara, Carlos Lacerda, informaría que os detidos nese estado eran tres mil. Viñeron despois 21 anos de ditadura militar. Calcúlase en 475 os mortos e desaparecidos por mor da represión. O escritor uruguaio Eduardo Galeano que daquela era correspondente no Brasil do periódico Marcha analizaba que: “O movemento triunfante derogou axiña o decreto de Reforma Agraria, desarticulou os planos de alfabetización e alargamento do ensino, esfarelou peza a peza todo o aparello que o Governo deposto tiña montado co fin de dar pulo ás reformas sociais e ao desenvolvemento económico”.

O presidente Goulart, xa no exilio, denunciou a inxerencia dos Estados Unidos, xa que o presidente Johnson enviou días antes do golpe un telegrama felicitando os autores da sublevación. Neste caso, como anos despois en Chile, o imperialismo norteamericano amosaba a súa ligazón cos sectores máis reaccionarios, sen que por iso deixase de presumir de gran valedor da democracia. En fin, son anacos da historia, de xeitos de axer que parecen se repetir unha e outra vez con novos métodos e protagonistas, mais que sempre serven aos cobizosos, aos adoradores do ouro e do poder absoluto.

Te puede interesar