Opinión

Siria entrou nunha nova fase

A guerra civil en Siria, onde se confrontan intereses internos, rexionais e das grandes potencias mundiais, semella que entrou nunha nova etapa. Hai múltiples datos que así o apuntan. A espoleta foi a decisión dos Estados Unidos e Turquía de ocupar unha zona fronteiriza, coa finalidade de reducir os curdos e dar un golpe de graza a Assad; e a riada de refuxiados que se desprazan á Unión Europea, alentados seica por Turquía e Arabia, co obxectivo de forzar unha actitude máis activa deste bloque en apoio dos planes norteamericanos e aliados. Estas accións significaban intervir directamente e impoñer unha saída de parte ao conflito. A resposta non se fixo esperar, mediante a inmediata decisión de Rusia de enviar asesores, armamento moderno, especialmente mísiles terra-ar, e tropas á base que ten en Tartus. Así como apoio directo cando sexa solicitado por Siria para combater á oposición terrorista, por exemplo da aviación.

A resposta de Putin semella que mudou radicalmente o escenario. Así o indican as inmediatas visitas a Rusia, baixo distintas xustificacións, de dirixentes de Arabia Saudita, Israel e Turquía, que procuran de evitar unha confrontación directa coa segunda maior potencia militar do mundo. En fin, tirouse tanto da corda que rachou, e agora teñen que atopar unha saída respectábel. Evidentemente non será doado dar solución a tanto despropósito, máxime cando hai moito interese, especialmente por Washington, en poder reconducir dalgún xeito a situación, para impoñer o prisma das grandes potencias occidentais e dos seus aliados na zona: Israel e as reaccionarias monarquías árabes.

Polo tanto esta nova fase da guerra en Siria non se pode dar por definitivamente consolidada, son moitas as incertezas, aínda que neste intre este sexa o escenario que se está a impoñer. Reforza esta hipótese o fortalecemento do grupo de Shanghai, o estreitamento da alianza con Irán e a postura común en relación con Siria, Iraq e Iemen, así como a aproximación do réxime exipcio. E, por suposto, a fenda cada vez máis grande dentro da Unión Europea, agora polo tema dos refuxiados, que se guindan uns a outros, en función de que necesiten ou non man máis de obra barata.

O que resulta evidente é que tanto Rusia como China son as únicas potencias emerxentes con capacidade para condicionar a hexemonía dos Estados Unidos e os seus aliados. Non se trata, como hai décadas, dunha contraposición de modelos de sociedade alternativos. Nestas novas potencias imponse tamén o capitalismo, globalizador e neoliberal. A diferenza está en que, de se aceptar un mundo multipolar, minguarían moito os conflitos e o contexto sería favorábel a unha maior pluralidade, e isto non é un tema menor. Porén, neste intre, e neste caso concreto, pra alén de que se alentase un monstro para derrubar a Assad, a cuestión é como os Estados Unidos, e a OTAN, recollen velas sen que iso se interprete como un triunfo de Rusia. E esta escenificación non é nada doada, tendo en consideración que terá reflexo na confrontación na Ucraína e noutros países fronteirizos coa Federación Rusa.

Agora ben, mesmo cun acordo que, salvando os intereses das partes, unifique a loita contra Al Nusra e o Estado Islámico, rematar co terrorismo e acadar a paz no país levará o seu tempo. E dado o grao de destrución e o desprazamento da povoación, a normalización irá pra longo. Cómpre lembrar que a acción destes grupos terroristas tamén abrangue Iraq, e que están a facer esforzos por se estender a outros estados da rexión, como o Líbano. Polo tanto, dar pasos na solución do conflito, illando os grupos armados integristas, sería un avance inmenso, mesmo aceptando que a solución definitiva necesitará de compromisos económicos e da non inxerencia das grandes potencias.

Te puede interesar