Opinión

Transitoriedade 
do momento

As pasadas eleccións tiveron máis de espectáculo mediático que de debate no eido das ideas, polo que os obxectivos e propostas ficaron opacados pola capacidade retórica, os xestos, mesmo corporais, dos candidatos e candidatas. Evidentemente, isto ten relación directa co importante papel que adquiriron os medios, especialmente as televisións. O que abraia é que, unha vez pasadas as eleccións, ante a falla dunha maioría clara, os catro grandes partidos de ámbito estatal continúen o espectáculo por mor dos posíbeis pactos pra formar governo. Déixanse nun segundo plano o programa a executar, os graves problemas sociais e laborais, o protagonismo das clases populares.

Todo apunta a que, de se repetir as eleccións, unha parte dos votantes destes partidos pode que non o faga de novo. Motivo polo cal, a táctica de todos eles semella ser a de desalentar a base electoral dos adversarios. De todos os xeitos, as variacións non van ser tan importantes. Non se produciron fenómenos sociais e políticos que fagan mudar radicalmente a correlación de forzas electoral. Daquela que a primeira opción sexa a de formar Governo, algo que non é doado de conseguir, dado o espallamento do voto. Hai dúas alternativas posíbeis: a dun pacto da dereita (PP + Ciudadanos) coa abstención do PSOE, ou un de “esquerdas” (PSOE + Podemos) coa abstención de Ciudadanos, e o apoio das forzas nacionalistas.

Todo fai pensar que a primeira opción é a que contentaría os “mercados” (ou sexa a fracción hexemónica das clases dominantes). Semella que esta é a razón pola que persoeiros do PSOE ligados ás corporacións vetan todo intento de conformar un Governo virado á esquerda. Coidan que este poría en cuestión as políticas que tanto beneficiaron a certos grupos económicos e grandes fortunas. A segunda alternativa contaría co apoio da fracción das clases dominantes que necesita pra o seu proceso de acumulación normalizar a situación en Cataluña, mediante un novo pacto territorial, dar pulo ao mercado interno e rematar coa competencia desleal dos achegados ao poder mediante a corrupción. Non se trata polo tanto dunha ruptura co capitalismo, nen de cuestionar a Unión Europea e o euro, e moito menos de nacionalizar sectores estratéxicos e de entender o estado plurinacional como sinónimo de estados nacionais soberanos confederados. Non parece ser ese o caso. Podemos propón un referendo en Cataluña como unha medida excepcional, xa que considera que o soberanismo catalán vai perder a consulta.

Nesta conxuntura a esquerda estatal é subsidiaria de causas e receitas externas, e carece dunha proposta estratéxica, tanto no relativo ao conflito territorial, como con respeito ao debate no seo das clases dominantes entre austeridade e flexibilidade cuantitativa. Sucede así porque desbotaron manter unha estreita relación co movemento obreiro, e as súas reivindicacións históricas, preferindo cumprir o papel de forza intermediaria nas institucións co poder. Daquela que, tanto cun Governo progresista, como de centro dereita (en minoría), non se poderán acadar avances reais en beneficio da maioría social sen superar esta eiva. Pra conseguilo, a única solución é recuperar a mobilización e protagonismo das clases populares, especialmente do movemento obreiro, partindo dos problemas concretos a conquistar a curto prazo, asociados a un proxecto de transformación e cunha visión globalizadora. E neste aspecto clave, o debate político actual relativo á formación do Governo central non está axudando ren. A base argumental redúcese aos tópicos, a bos e malos, fúxese de calquera caracterización rigorosa do momento, dos proxectos estratéxicos de cada quen. Polo que estes cambios electorais fan pensar nunha transición a un novo escenario, ou a un retorno ao pasado.
 

Te puede interesar