Opinión

MEU CONCELLO

Si, meu concello é Toén, que baña o Pai Miño onde maduran unhas uvas que dan un viño ledicioso. E ten o Castro de Trelle, tan outo que os días que non hai brétema óllase Celanova.


Toén é -en Alongos- onde lle fixemos unha homenaxe a Saco e Arce. E ten un pobo, unha aldeia, a meirande da provincia: San Pedro de Moreiras, onde quen esto escrebe naceu hai moitos, pro moitos anos. De elí e Luis Padrón que foi xornalista co Enrique Reza -que finou fai pouco- diste noso xornal. Ten unha igrexa barroca -a 'Catedral'- como a bauticei, cun retablo oxival, que dicía un sacristán cando eu era rapaz aos turistas: 'Dijo un señor muy importante que este altar es del siglo XIV antes de Jesucristo'.


No pobo de Mugares hai unha igrexa plateresca, á que lle puxeron unha porta que lle queda como a un Cristo un par de pistolas. Mais merece a pena ollar o templo.


Toén ten adegas onde o viño ferve nas cubas metálicas, logo da vendima que é unha ledicia bebelo. Eu quédome co Val do Miño do Pepe Carballo e Cía, feito en Moreiras. Un branco ledicioso, afrutado, que invita a non deixalo de beber.


Hai refráns como 'En Mugares non te pares', pois conta a lenda que elí botaron a un pozo a un recaudador dos foros, e do que endexamáis se soupo. Eu en Moreiras, logo de dar unha volta pola rúa Real, perdo o tempo na Casa do Peso coa Raquel e co Andrés Sabucedo, boa xente, como tódolos veciños de Moreiras.


Mandoulle o bispo a un crego xoven, Jorge Juan, que ten cautivado aos fieis que enchen a igrexa da que xa falei. Ten Moreiras a Casa dos Puga, que ao parecer elí naceu o pobo fai unha chea de anos e que foron os que axudaron a construir o templo barroco.


¡Quén tivera menos anos! Pro un está á porta do Alén. Pra torres as de Moreiras, pra concello o de Toén, e pra mozas fermosas, as de Moreiras tamén.

Te puede interesar