Opinión

Miserias dun oficio

Xornalismo. Ou dunha profesión, como queiran: falo do xornalismo. Esoutro día Gabriel García Märquez dicía que sufría cada vez que lía os xornais polo futuro do xornalismo: supoño que o Nobel colombiano non se refería nese momento á prensa española, así que o problema é xeral, planetario supoño. Volvamos á nosa contorna. Algún día estudarase coa perspectiva da distancia temporal o xornalismo que se fai neste momento. Ignoro se daquela considerarán como periodismo o que vimos estes días. Por exemplo, nunha cadea televisiva as declaracións dunha señora, por chamarlle algo, que defende ó seu mozo, preso por deixar case morto a outro home. Este home, o profesor Neira, hoxe en coma, saíu en defensa da moza maltratada e agredida polo seu mozo, pero esta non llo vai agradecer, ben se ve. Pola contra asume xa o papel da gran mala do espectáculo mediático que, polo de agora, cobra cifras suculentas por aparecer nos medios. Sen coller colores nas meixelas, para nada. Terá futuro na súa nova andaina? Nunca se sabe. De momento asegura audiencias millonarias e iso ten o seu valor nunha sociedade de mercado descarnada como esta.


Morbosos. Cústame chamarlle a isto periodismo. Dende logo somos un mundo de morbosos contiñeiros: quen sabe disto explota o filón. Dicía Kapúscinski que un periodista debía ser boa persoa. Entrevistaría o mestre de xornalistas a unha energúmena desta caste? Podería ser este un caso excepcional, pensarán algúns. Pero non, en absoluto. Podo poñer varios exemplos semellantes. Esoutro día un xornal galego cubría case toda unha páxina cunha ampla entrevista a un personaxe que responde no argot por Makelele. O mérito de tal individuo para saír nos medios? Pois seica deixar un matrimonio morto en Vigo tras unha suposta carreira de coches; logo, xa liberado polo xuíz, foi detido de novo, por conducir unha moto ebrio. A entrevista era xustificativa e servíalle para dar outra imaxe da súa personalidade: tamén se queixaba de ser obxecto dun linchamento mediático. Que pensarían os familiares dos dous falecidos ó ver publicada esa entrevista con todo luxo de detalles?


A democracia garante a liberdade de expresión, xa o sei. En tempos os delincuentes saían estigmatizados en El Caso: moitos con menos culpa dos que acabo de citar. Facer aboiar todo o que se remove nas cloacas da sociedade, exercendo o cinismo e a chulería, ofrecendo unha dignidade a personaxes que carecen dela, todo iso é xornalismo?


De faunos. Cando a realidade é ingrata, sempre nos queda a fantasía. Remato de ver, cando escribo estas liñas, O labirinto do fauno, de Guillermo del Toro, que non puidera ver cando a súa estrea. Unha pequena xoia capaz de mesturar e xogar cos planos da realidade e da fantasía cunha gran intelixencia visual e textual (vai tanto polo guión como pola posta en escena). Hai secuencias de gran violencia, como cruel foi a represión nos anos da posguerra franquista, pero Guillermo del Toro demostra que sabe contar historias. El ben sabe que todos levamos dentro un neno que segue a crer nos trasgos e nas fadas.


Te puede interesar