Opinión

Ramón Piñeiro a debate

Letras 2009. Xa poden ir preparándose. A Real Academia Galega aprobou o sábado dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a don Ramón Piñeiro, falecido en 1990. Era unha opción das posibles e había outras moitas tamén merecidas: por exemplo, nomes como os poetas Manuel Luís Acuña e Florencio Delgado Gurriarán ou o ensaísta, novelista, poeta e autor teatral Ricardo Carballo Calero. Entre outros. En canto a nova chegou ós diarios dixitais, algunhas webs e blogs empezaron a botar fume. Como era de agardar. ‘Traidor á patria’, ‘filonazi’, ‘axente da CIA’, foron algunhas das primeiras babecadas asinadas sempre dende o covarde anonimato. En realidade, a Academia foi valente porque non ignoraba a transcendencia da súa decisión e a hostilidade visceral que o nome de Ramón Piñeiro provoca en certos colectivos, sobre todo no reintegracionismo e nacionalismo máis antisistema. No propio goberno bipartito a figura de Piñeiro, que eu saiba (creo que non me equivoco), foi sempre negada por unha banda substancial do mesmo, empoleirada en dubidosas teorías conspirativas arredor da nosa historia recente aínda non revisadas.


Referencia moral. A Academia xustifica o seu acordo arredor da figura de Ramón Piñeiro pola ‘dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura’, por canto ‘debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións’. É evidente que o intelectual de Láncara desempeñou un papel fundamental no pensamento e na filosofía, principalmente nos traballos dedicados á ‘saudade’, así como polas súas traducións, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger, un fito na historia da norma lización da nosa lingua (ben o sabía Juan Aparicio, a rabexar por tal ousadía). Unha parte do pensamento piñeirista está nos seus ensaios, como ‘Olladas non Futuro’, ‘Galicia’, ‘A Linguaxe e as linguas’, ‘Lembrando a Castelao’, etc. Pero só unha parte. O seu labor normalizador na nosa cultura e o seu pulo á galeguidade tivo aínda máis que ver co xeito de afortalar a chamada Fronte Cultural Galaxia, sobre os rescaldos do autodisolto Partido Galeguista, e coa pegada do seu labor socrático no pensamento e personalidade das novas xeracións do galeguismo, mesmo naqueles que logo máis o criticaron, tamén con lexitimidade.


O debate. O debate arredor de Piñeiro e o seu papel na historia do país entre os anos 40 e 90 será, pois, de gran interese. Sempre que teña un mínimo de seriedade científica e non se deixe arrastrar polas manías conspiratorias ou por babecadas como as que eu citaba no comezo deste artigo. Para empezar, sería bo que os que queiran achegar algo a esta dialéctica comecen por informarse da real personalidade e do pensamento de Piñeiro, por exemplo, dende algúns estudos rigorosos xa publicados, como os de Carlos Casares ou Manuel Forcadela. E quizais sexa eu un pouco inxenuo en rematar así este artigo, vou pensando mentres escribo as súas últimas liñas.



Te puede interesar