Opinión

Virxilio Vieitez

Vexo no seu retrato a cara dun home que viviu moito, quizais un algo escéptico, traballador. Non sei se el sabía tamén, se o soubo sempre, que era un gran artista. Tivo a sorte, a finais dos 90, de toparse co fotógrafo Manuel Sendón, que nolo redescubriu como artista: logo a súa obra foi admirada e estudada. Fotógrafo de pobo, formado en Cataluña, coas súas imaxes deixounos unha das visións máis profundas da Galicia de posguerra. Cando deseñaba con detalle os seus retratos, estaba a falarnos con extrema sensibilidade da emigración, dos soños frustrados, da miseria dun tempo e das feridas a cica trizar dun pobo tantas veces enganado. Supoño que os retratados non o vían como un artista, pero quedaban satisfeitos dunha imaxe que ofrecía para os familiares emigrados, en América ou Europa, o mellor das súas vidas. Amor e coñecemento do país e as súas xentes: velaí as súas fotos.



Te puede interesar