Opinión

H2O

‘Y la canción del agua / es una cosa eterna. /Es la savia entrañable / que madura los campos. / Es sangre de poetas / que dejaron sus almas / perderse en los senderos / de la Naturaleza’. (...) F. García Lorca A auga. A orixe. A metáfora da existencia humana. O berce da meirande parte das civilizacións. Dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno. Líquido inodoro, eslamiado, parte constituínte de todos os seres vivos e a compoñente máis abondosa da superficie terrestre. É tan abundante que resulta unha paradoxa que só o 6% dela sexa doce e que desa cantidade a maior parte se atope baixo terra ou en glaciares. De feito só contamos con 9.000 kms cúbicos de auga doce ao ano, dinnos os expertos, para satisfacer as necesidades de todos, cantidade que sería suficiente se non fose porque os recursos hídricos non están equitativamente distribuídos e, a miúdo, non son xestionados de maneira axeitada. Hoxe por hoxe, moitos países enfrontan problemas de escasez de auga o que xunto co mal tratamento na súa potabilización fai que 15 nenos morran por hora por mor de problemas relacionados coa auga e que países asiáticos, africanos e de América Latina, en total 6.500 millóns de seres humanos, non teñan acceso a auga para facer xestos tan cotiáns coma lavarse, beber, lavar a roupa, facer de comer,...


‘Administrar ríos transfronteirizos como o Amazonas, o Paraná ou o Nilo é unha aposta crucial da ‘diplomacia da auga’ en tempos en que o quentamento global acentúa a presión sobre os recursos’. Esta é unha das conclusións finais adoptadas no Foro Mundial da Auga que tivo lugar a derradeira semana nas beiras do Corno do Ouro, na belísima cidade de Estambul. No que é considerado como o mellor porto natural do mundo e que segundo a lenda debe o seu nome á cantidade de obxectos de valor que os bizantinos tiraron nas súas augas durante a conquista otomana, reuníronse durante toda a semana representantes de 182 países quenes apostaron pola cooperación como medio para solventar a escasez de auga. Así, a solución pasaría pola sinatura de convenios entre países para deste xeito xestionar a auga dos 260 ríos transfronteirizos que temos na Terra e que se atopan repartidos entre 145 países. Lembrouse tamén que xa en 1977 a ONU adoptou unha convención que prevé a utilización dos leitos de auga destes ríos pero que non puido entrar en vigor ao non ser ratificada pola maioría dos países.


Relendo as conclusións finais chámanme a atención tres cousas: Primeira: nesta xuntanza non nos dixeron nada que non fose xa evidente para a meirande parte dos mortais: a solución pasa por compartir a auga, é dicir, a xestión compartida da auga. Para dicirnos isto non era necesario ir a Estambul, aínda que a cidade o mereza. Segunda: A ironía: Turquía, a organizadora é un dos países que non asinou a convención da ONU sobre a auga porque iso suporía comprometerse a ‘compartir’ a auga do Tigris e do Eufrates (no que está construíndo presas) cos seus veciños sirios e iraquís. E terceira: non se chegou a ningún acordo sobre o que sería verdadeiramente importante, a declaración de que o acceso á auga sexa un dereito humanitario ( recoñéceno pero non o asinan) o que remataría co acaparamento do auga polas multinacionais e a privatización dun ben público. A agua constitúe un dereito non un privilexio. Un dato: Segundo os expertos o embotellamento de auga xa supera en ganancias á industria farmacéutica.


Finalmente, non me resisto a deixarlles a perla final do Foro: ‘Os participantes están moi contentos polos contactos comerciais que puideron facer’, declarou aos xornalistas internacionais, sen ningún tipo de rubor, o secretario xeral do Foro. Deixo á intelixencia dos lectores e das lectoras as conclusións oportunas.



Te puede interesar