Opinión

Mulleres catedral

O Camiño de Santiago entrou na nosa Catedral e o Pórtico do Paraíso foi o verdadeiro cruce de sendas de tódolos xacobinos e romeiros, pois xa sabemos que Ourense é o mundo enteiro. Alí tiñamos cita coa emoción e deixámonos envolver.


Na pedra portentosa entraba a voz daquela muller e todos iamos amoldándonos ó timbre e á cadencia. Pareceunos que o templo respiraba.


O pulso das cancións puxéronnos ás e cor, e sentiamos que un anxo andaba enriba de nós coroándonos a golpe de incenso co seu botafumeiro de xoguete. A voz e a pel foron un.


A pedra ingrávida, morna, estaba sendo encantada polo brillo e a douzura que chegaba a nós en forma de canto. A rima e a melodía puxéronlle ás á realidade.

'Temos unha fermosa catedral', repetía o eco. E ela -tan humilde- púxose colorada.


Algunha xente soñaba, outra parecía durmida, aquela muller ten un halo... aquel home ¿será un cabaleiro que chega doutros tempos?


A voz seguía tecendo encantos e detivo a presa, abriu o sol nos nubrados eidos, desfixo a néboa e expandiu a memoria. Somos esto: somos alma. Bendita sexa esta canción, esta arte, este camiño interior que nos leva a nós mesmos.


Cada pedra era unha muller traballadora, constructoras día a día da súa potente fortaleza, e a voz daquela guía era un premio para revivir e recrear todo o que somos: creadores, artífices. Lirios medrando que saben que cada día ten o seu afán.

Te puede interesar