Opinión

2011

Esculcando nos andeis do quiosco-librería que adoito frecuentar, moita foi a miña sorpresa ó advertir a cantidade de libros e revistas que fan anuncio do que nos agarda no vindeiro 2011. Pero se elevado me parecera o número de publicacións existentes no quiosco, nada comparable ó que estes últimos días me topei en internet, onde as referencias sobre o tema se contan por millóns. Da lectura detida de varias das súas 'páxinas' puiden informarme, entre outros pormenores, que o 2011 é o ano do Coello de Metal Yin. Un ano no que será preciso actuar con moita cautela ó ter que conxugar a tenrura que caracteriza o coello coa agresividade propia do metal. O cal non resultará nada fácil. Como froito desas lecturas, sei tamén agora cómo consultar ó Oráculo do Péndulo, cómo descubrir cál é o noso Árbore Gardián, cómo ler os secretos que encerra a Borra do Café, cómo empregar en beneficio propio as Letras do Alfabeto Hebreo, cómo rezarlle a San Onofre para que nos libre de todo mal, cómo recorrer ó Padre Pío e ó Padre Mario (¡) en busca de protección.


Pero volvamos ó do comezo. Se tantas son as publicacións que saen á venda, e tantas as páxinas aloxadas en internet, será que en asuntos de futuro son moitas as persoas interesadas no tema. Un interese por coñecer o futuro que, en realidade, aniña no fondo de todo ser humano dende os tempos máis remotos. De aí, a Astroloxía, os Signos do Zodíaco, os Horóscopos, o Tarot. ¿E cales son as cuestións que do futuro lle preocupan á xente? Pois, todo o relacionado coa saúde, co traballo, cos diñeiros, cos amores...; tanto propios como dos seus achegados. Que para todo se busca resposta. ¿Que como son estas respostas? Case sempre favorables. Ademais, no caso de non ser así, sempre caberá o recurso de buscar noutro sitio aquela que mellor nos conveña. ¿Acertan ou non acertan? Depende. Unhas veces si, e outras veces non. En todo caso, a súa porcentaxe de erros apenas deferirá da dos estudos máis serios asinados por grandes figuras da prospectiva mundial, nos que se dan fallos de estrépito. Por ir a algo ben recente. Un ano antes de que estalara a crise económica que estamos a padecer, ¿cantos espertos fixeron presaxio do cataclismo que nos viría enriba? ¿Ningún? Home, inda que non moitos, algún habería. Que tamén cos horóscopos pasa o mesmo. En fin, sexa dunha maneira sexa da outra, que o novo ano veña con ben para todos.

Te puede interesar