Opinión

CASUALIDADES

Na pasada semana, Philip Roth, celebrado escritor norteamerciano, resultou gañador do premio Man Booker International, galardón literario que se concede cada dous anos a un escritor vivo con obra de ficción dispoñible en lingua inglesa. Agora ben, e coma noutros casos, Philip Roth, á par que goza dun enorme prestixio, tamén conta cos seus detractores, como acaban de pór de manifesto os propios membros do xurado deliberador do premio. E así, mentres o presidente do xurado considera a Roth como un dos escritores de máis valía dos últimos tempos, con obras de altísima calidade, un dos vocais lamentou a decisión dos seus compañeiros por estimar que había outros candidatos con moitos máis méritos que el, chegando a declarar, moi enfadada, que Roth goza dunha fama inmerecida, xa que, teima que teima, sempre está a escribir sobre as mesmas cousas ¿Reacción irada da discrepante por cuestións extraliterarias? Ben puidera ser.


Pois ben, por unha desas casualidades da vida, o mesmo día no que se facía pública a noticia do premio, estaba eu a dar remate a Elegía, obra do mesmo autor, e que no seu día tamén fora galardoado cun importante premio. Elegía, obra dura, desacougante, brutalmente real, e que, como anuncio do que nos agarda ó longo do libro, dedica as súas primeiras páxinas ó soterramento do protagonista. Non parece que sexa, este, o lugar máis apropiado para facer resumo do contido da obra. Unicamente sinalar, aquí, a minuciosidade sobrecolledora coa que P. Roth vai dando conta das sucesivas enfermidades que aqueixan ó personaxe principal, dos seus padecementos, das súas estancias hospitalarias, dos seus pesadelos, do seu deterioro. Convertendo ás enfermidades no eixo da súa vida. Todo o demais (familia, profesión, fracasos, amores, divorcios) simples recursos do autor para engarzar, e historiar, os distintos episodios daquel deterioro. 'Es un dolor que lo invalida todo'. 'La vejez no es una batalla, es una masacre'. 'Paro cardíaco. Ya no existía, liberado de ser, entrando en la nada sin saberlo siquiera'. 'Y de repente vio la boca de su padre muerto como si no hubiera ataúd, como si estuviera echando sobre la tierra que arrojaban a la fosa, llenándole la boca, cegándolo, obstruyéndole la fosas nasales, tapándole los oídos'. ¿Excesivo? ¿Axustado? Cuestión de sensibilidades. A uns pareceralles ben, e a outros pareceralles mal. Que así é a vida. En todo caso, e volvendo ó do principio, alegrémonos co premio literario de Roth.

Te puede interesar