Opinión

CHIMPANCÉS

Os chimpancés son capaces de manter conversacións con individuos da súa familia, de pedir perdón, mentir, compoñer poesías e falar do tempo. Así resumían varios xornais a conferencia que sobre a linguaxe dos chimpancés pronunciaran a comezos de maio os investigadores norteamericanos Deborah e Roger S. Fouts nun centro social de Barcelona. Unha información que moitos lectores, con ollos tan só para os aspectos máis anecdóticos da noticia, apenas tomaron en serio; abundando nos seus comentarios, pola contra, na descualificación do informe e dos seus autores, nas bromas de mal gusto, nas expresións groseiras. Facendo, así, escarnio duns traballos que dende vai máis de 40 anos están a levar a cabo na Universidade Central de Washington estes dous profesores.


Para Deborah e Roger, chegou o momento de acabar coa idea de que a linguaxe pertence en exclusiva, como nota diferencial, ao ser humano. Segundo eles, hai evidencias de que os chimpancés son quen de aprender a linguaxe de signos, de integrar estes signos nunha estrutura lingüística (sintáctica), de comunicarse mediante este sistema de linguaxe cos seus conxéneres, e de transmitir esta forma de comunicación a outros individuos da súa especie. Unha apreciación, a destes profesores, que choca frontalmente con teses de longa tradición defendidas por científicos de renome universal no campo da lingüística. Para F. de Saussure, os animais carecen da estrutura psicofisiolóxica que fai posible a linguaxe. Edward Sapir: 'A linguaxe é unha forma de comunicación exclusivamente humana'. Leonard Bloomfield: 'O ser humano comunícase mediante a linguaxe. Os animais unicamente por sinais illadas, sen estrutura, sen a sintaxe que caracteriza a linguaxe'. Noam Chomsky defende a existencia dunha capacidade innata da especie humana para a linguaxe: 'O ser humano xa ven ó mundo coa linguaxe a nivel cerebral, do que carecen os animais, e que se concreta en cada lingua'.


Posturas aparentemente enfrontadas, que ao mellor non o son tanto. E que esa estrutura lingüística, esa sintaxe, que lle esixen os autores citados á linguaxe 'auténtica', talvez poida existir, aínda que sexa nivel moi elemental, nos animais. Co que, propiamente, habería que falar de diferenzas de grao. Xa que así as cousas, sería desexable que os traballos do matrimonio Deborah e Roger tivesen continuidade noutros investigadores para ver en qué queda. En todo caso, un respecto para os dous.

Te puede interesar