Opinión

DIFERENZAS

Hai que ver cómo cambian os tempos!', é frase da que a xente acostuma a botar man para pór de relevo as diferenzas entre presente e pasado nos distintos ámbitos nos que se desenvolve a vida. Diferenzas na maneira de gobernar(se), nas relacións laborais, no trato social, nos sistemas de atención sanitaria, na liberdade/control dos medios de comunicación, na forma de enfocar a economía, no eido tecnolóxico, nos costumes, nas modas.


E no mundo do ensino, do que hoxe me ocuparei aquí. Xa que postos, ¿pode haber diferenza maior entre os colexios de agora e os do tempo de cando eu era rapaz? Unhas diferenzas que, se ben claras na xeneralidade dos centros, moito máis acusadas nos colexios das pequenas poboacións. Pero, ¿distintos en que? Distintos en case todo. Pois, por ir ó capítulo de instalacións e recursos, en qué se parecen os novos enxeños didácticos (pizarras dixitais, libros interactivos, canóns proxectores, ordenadores portátiles, netbook tablet) dos encerados de cemento de entón, daquelas libretas de caligrafía imposible, das plumas de lata esgalladas, das pizarras de pizarra e pizarrín. 'Sécate pizarra, debajo de la cama, si no te secas hoy, te secarás mañana', invocación acompañada de abaneo da pizarra (tamén de refrego de manga) para activar o secado do cuspe co que acabábamos de borrar as contas aritméticas do día anterior para escribir outras novas. En canto a instalacións e mobiliario, en qué se parecen os colexios de hoxe ás escolas da época da que falo. En nada, xa que practicamente carecían de todo. Pois, qué era iso dos pupitres, ou o da luz eléctrica, ou o da auga corrente, ou o da calefacción, ou iso dos váteres, ou dun chan sen buratos. E, ónde estaban os patios de recreo, a non ser que por tales se entendesen os camiños embulleirados. Ulas aulas de música, ou as aulas de idiomas, ou as de plástica. Ou os pavillóns de deportes.


Diferenza nas instalacións e recursos. E diferenza nas posibilidades do alumno de continuar estudos máis alá do ensino primario. Porque daquelas, cántos eran os rapaces de pobos e vilas con posibilidade de incorporarse aos estudos de bacharelato. Cántos. ¿E aos estudos de Formación Profesional? ¿E aos estudos universitarios?


Diferenzas, as anteriores, todas elas favorables aos tempos de agora. Pero, non vale ocultar, hai cousas no mundo do ensino que co paso dos anos teñen ido a peor. E das que talvez me ocupe nunha próxima columna.


Te puede interesar