Opinión

MÁIS SOBRE MÉXICO

Nunha columna anterior, que aparecía baixo o título de México, daba conta das accións de extrema violencia que dende vai un tempo están a asolar a aquel pais. Recollía alí algunhas cifras de vítimas mortais, e facía referencia á saña empregada polos matóns nos seus actos delituosos e á variedade de procedementos dos que se valen para facerse co control dunha zona ou conseguir a maior cantidade de diñeiro das persoas extorsionadas. Volvendo sobre a cuestión, ocupareime hoxe dun dos grupos que están a sufrir as peores acometidas das bandas de foraxidos: o dos inmigrantes centroamericanos e suramericanos. Rematando a columna cunhas breves notas sobre a incidencia de tanta barbarie na linguaxe dos xornais.


Inmigrantes, pezas de cacería moi cobizadas polas mafias mexicanas. No seu intento por chegar a fronteira de Estados Unidos, terán que facer un longo camiño cheo de penalidades, e co perigo, a cada paso, de sufrir secuestro. Segundo a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, durante o ano 2010 máis de dez mil inmigrantes foron secuestrados en México por organizacións criminais. Consumado o secuestro, e como primeira medida, despoxarannos de todo aquilo que teña algo de valor (diñeiro, pulseiras, cadeas, medallas, aneis). Logo, esixiranlles unha cantidade (que os seus familiares deberán ingresar nunha conta) para o pago da súa liberación. Mais tarde, virá a presión para que os mozos se fagan sicarios da banda. En canto as mulleres, unhas serán forzadas á prostitución e as outras empregadas como mulas para o transporte da droga. De haber resistencia, ou incumprimento, uns e outras pasarán a engrosar, sen máis contemplacións, os foxos da morte. Incidencia sobre a linguaxe. Son tantas as accións criminais das que a diario dar noticia que os xornalistas, por non repetirse, se ve obrigados a espremer ó máximo o capítulo de verbos, dende os mais comúns (matar, asesinar, ejecutar, tirotear, golpear) ata os máis raros. Destazan a dos sujetos. Victiman a hotelero. Le dan cuello a un joven. Los ultimaron cuando estaban en un convivio. Una balacera se registró en la madrugada. Fue tundido por tres hombres. Se la surte a golpes y la entamban. Balean a vecinos de Cañadas. Matan a plomazos a tres. Dan golpiza a un joven. Los sujetos madrugaron a Rafael Jesús. Le dan mate a vecino de Sinaloa. En Villa Juárez truenan a dos. Semidegollan a tres personas. Plomizan a ambulante de frituras.


México, México, ata cando? Ai!


Te puede interesar