Opinión

MULLERES

As mulleres na sociedade ourensá de comezo do século XX', así se titula o libro que onte a tarde acabei de ler. E como primeiro comentario teño que dicir que a calidade do libro en nada se corresponde coa modestia coa que as súas autoras, Rosa María Cid e Carmen Benso, falaron del no acto de presentación. Do seu contido e dos seus valores xa se deu cumprida conta en artigos anteriores neste xornal. Pola miña parte destacaría a coherencia da súa estrutura, o rigor das súas análises, a claridade expositiva do mesmo, e a abundancia de referencias bibliográficas (baste citar, como exemplo, a referencia a 203 artigos publicados no diario La Región); e todo, acompañado de numerosos gráficos, táboas, ilustracións e mapas.


O libro, que toma como protagonista á muller ourensá e que se encadra no primeiro terzo do século XX, estrutúrase en tres grandes capítulos nos que sobresaen os seguintes apartados: demografía, categorías sociolaborais, movementos migratorios, contexto ideolóxico social e movementos asociativos e políticos.


Limitareime aquí a recoller uns breves apuntes relativos o apartado 'movementos migratorios'. Do 1921 ao 1930, o número de emigrantes galegos ó estranxeiro elevouse a 161.000 persoas (un 40%, mulleres; sendo a provincia de Ourense unha das máis afectadas). Para apreciar na súa xusta dimensión a magnitude da cifra, baste sinalar que o número de emigrantes galegos desa época era equivalente ó do conxunto de 10 comunidades autónomas españolas. Castela-León, Castela-A Mancha, Extremadura, Aragón; Navarra, A Rioxa, País Vasco, Andalucía, Valencia, Murcia; todas elas xuntas, tiñan o mesmo número de emigrantes que Galicia. Ou sexa, Galicia nisto da emigración sempre foi unha potencia mundial. ¡Triste!


¿E con que problemas topaban os emigrantes galegos ó chegar o seu destino? Tantos... A propósito das mulleres, Blanco Torres denunciaba dende Cuba, nun ton moi acedo, las vergüenzas ás que eran sometidas as emigrantes galegas, e que recollía nas súas páxinas un xornal ourensán: 'La emigración continúa llevándose a centenares de mozas que, en gran parte, abandonadas al azar y a su propia suerte, van a proveer burdeles y a ser carne de mercado, sin que en Galicia repercutan los clamores que algunas personas lanzan desde allá'. Era o que había. Galicia.

Te puede interesar