Opinión

REPERCUSIÓNS

Ou cómo atinxirán as recentes investigacións de dous profesores americanos, K. Carlson e J. Conard, na aplicación da futura lei española do Registro Civil.


No pasado mes de xullo o Goberno de España remitiu ao Congreso dos Deputados, para o seu estudo e debate, un novo proxecto de lei de reforma do Registro Civil. Con importantes novidades no referente ós apelidos dos fillos.Tal e como recolle o proxecto, no acto de inscrición destes no rexistro, pai e nai, de común acordo, poderán decidir o orden dos seus apelidos. No caso de desacordo, o encargado do Registro Civil determinará o orden de apelidos, segundo o orden alfabético dos mesmos.


Sentado o anterior, vaiamos agora ó singular traballo dos profesores americanos: K. Carlson da Universidade Georgetown e J. Conard da Universidade de Nashville. Nas súas investigacións chegaron á conclusión que os adultos cuio apelido comeza polas últimas letras do abecedario reaccionan de maneira moito máis convulsa que os das primeiras letras na compra de ofertas novidosas. Conduta explicable, segundo eles, como reacción natural das persoas con apelidos próximos á letra Z, por teren sido relegados, cando nenos, ós últimos postos da fila. Situación denigratoria que, xa de adultos, intentarán compensar sendo eles os primeiros (¡agora, si!) en adquirir os produtos máis novidosos. Reacción histérica da que se ven libres os das primeiras letras ao non ter necesidade de recorrer a mecanismos compensatorios. 'Efecto apelido' do que pronto sacarán proveito os expertos en marketing, ao facilitarlles a localización de compradores compulsivos.


Conclusións que, sen dúbida, repercutirán na aplicación da futura lei do Registro Civil, en canto que condicionarán a decisión dos pais á hora de optar polo primeiro dos apelidos dos fillos, que será aquel que máis se acerque as primeiras letras do abecedario. Opción case obrigada, xa que unha decisión distinta sería moi difícil de entender. Pois, ¿a que pais lles gustaría ver ós seus fillos dominados por un impulso irreprimible de comprar toda cousa nova que sae á venda? Salvo casos de perversidade, a ningún. Co que en poucos anos todos os apelidos comezarán coas primeiras letras do abecedario. E apelidos que, por escasos, apenas soan hoxe (Aba, Ada, Baba, Baca, Bacalao, Cabe, Cabito, Daba, Dabí) encontraranse no futuro entre os máis cobizados de todos.


¡Hai que ver que consecuencias poden carrexar investigacións que nun principio tanto nos deconcertan!

Te puede interesar