Opinión

cinema galego

Eis tres nomes: Eloy Enciso, Ramiro Ledo e Lois Patiño. O seu cinema despunta nos festivais de cinema independente. No BAFICI -Festival de Cinema Independente de Bos Aires- por exemplo, presentáronse Arraianos, de Enciso, VidaExtra, de Ledo e Costa da Morte, de Patiño. Estamos ante unha idade de ouro do cinema galego, como apunta o crítico José Luís Losa? Iso parece. Que tres realizadores galegos fosen seleccionados para este festival de Bos Aires ou, máis recentemente, para o de Locarno -onde xa estivo e foi premiado, Eloy Enciso, por Arraianos, e este ano estará Patiño, co seu último traballo: Costa da Morte-, é moi revelador do talento destes novos creadores. Enciso, o máis veterano dos tres, conta xa con varios filmes documentais -La clase (2004), Pic-Nic (2007)-, así é que este Arraianos vén de confirmar o que xa sabiamos, que interesa. Que nos gusta o seu rigor, a sobriedade coa que indaga na paisaxe, o xeito en que esta se conecta co espírito arraiano que se nega á desaparición, unha resistencia tamén presente no documental de Ramiro Ledo, aínda que noutro contexto ben distinto.

Así pois, Ledo, despois desa curtametraxe titulada O proceso de Artaud, ofrece en VidaExtra unha reflexión lúcida e nada compracente ao respecto da resistencia ante os tempos salvaxes que estamos a vivir. Dá pois conta da loita da xuventude que, malia a conciencia social, vive, día tras día, unha absoluta devastación. Sen traballo, sen cartos, sen ese futuro marabilloso que se lles anunciou nos oitenta, os personaxes borrosos -non se lles ve a faciana- de VidaExtra constitúen un retrato do desencanto: son habitantes da angustia social xerada nun presente distópico que trae á memoria aquel zumegar infecto do inferno de Dante. Máis na liña de Enciso, o traballo de Lois Patiño, volve incidir na paisaxe -xa o fixera no anterior traballo, Montaña en sombra, presente nos festivais de Roma, Bos Aires e São Paulo-, un elemento central na súa obra. Costa da Morte, que entrará en concurso no Festival Internacional de Cinema de Locarno -do 7 ao 17 de agosto-, na sección Cineastas do Presente, atravesa esta terra coa cámara.

Podemos observar aos traballadores e traballadoras do mar e sermos testemuña do labor de seu, ademais de nos achegar a esa estraña relación que manteñen coa inmensidade do océano batendo nas rochas. Novamente, Patiño constrúe un poema visual inquietante no que o vento, as pedras e o lume configuran un todo unitario que, obviamente, inclúe ás persoas coas súas propias historias -individuais e colectivas- e, moi importante, ao mito: ese territorio mental construído pola colectividade, dende o principio dos tempos. A inmensidade retratada por Patiño en cada un dos seus traballos, faise abrumadora, permite a oscilación entre a percepción íntima e o existente: ese tremendo mundo natural cos seus fenómenos imbatíbeis que nos sitúan diante do espello para comprender que a nosa actitude, tantas veces temeraria, é, simplemente, ridícula. Impresionante o Patiño. De casta vén o galgo!

Te puede interesar