Opinión

Pandora, un mundo azul

Impresionante. Azul e luminosa. Estraña, por inusual, e, nese sentido, brillante, pois todas as cousas raras o son, Pandora é un lugar fermosísimo, cuxas luces de neón naturais danlle á selva un aire místico, case máxico. Así, neste lugar precioso, porque esa é a palabra exacta para definilo, precioso, ‘os encontros na terceira’ fase prodúcense, non con aliens, mais si coa consciencia colectiva dos antepasados. Os Navi, nativos de Pandora, contan no seu territorio cunha importante árbore á que chaman nai que, coma un ordenador, contén unha morea de datos, todos eles referidos á memoria dos antergos, é dicir, ás lembranzas daqueles/as que morreron. Deste xeito, o coñecemento transmítese duns ás outras nese seu libro-vexetal escintilante que brilla cun blancor intensísimo creando unha atmósfera íntima ao xuntarse co azul dos seus habitantes.


Decididamente ‘Avatar’ é un filme de alta calidade visual que inicia un novo camiño no cine en 3D. Dá neste sentido un salto, da mesma maneira en que, no seu día, saltaramos do cinema mudo ao sonoro e en color. Todo cambia, evolúe constantemente. James Cameron, en exceso consciente diso, creo eu, arrisca con esta nova proposta e tráenos á memoria o mellor daquel que, nos oitenta, nos sorprendera con ‘Terminator’. Partindo dunha idea interesante, con boas escenas de acción, interpretacións dignas como a de Zoe Saldana no papel de Naytiry e presencias como a de Sigourney Weaver, o que obtemos como resultado é un filme, nun principio moi atractivo en canto á historia e alucinante no sentido visual. Isto último está claro pois é enormemente plástico e colorista ademais de ter a capacidade de engaiolarmos coa banda sonora, a guerra de paxaros contra naves (David contra Goliat) cun certo aire épico de bravísima defensa da terra por parte dos Navi.


O fallo, pois algún ten, radica no carácter predicíbel da historia. Digo isto porque, ao vela, nalgúns intres, parece que Naytiry fose a Pocahontas futurista, con capacidade de remover a conciencia do seu amado que ha rematar por sentir a terra no corpo que lle foi prestado. De todos modos, aínda que mellorábel no aspecto argumental, ‘Avatar’ é un filme fantástico que defende, sobre todo, o mundo natural e reivindica a unión coa terra, algo que, dadas as nosas tristes circunstancias, nunca será repetido suficientemente.


Parece incríbel como o que, nun principio, semella primitivo -adorar as plantas e os astros- remata sendo a base das sociedades máis vangardistas.



Te puede interesar