Opinión

PRUDENCIA

Despois do acontecido, quédalle a unha un mal corpo que nin ganas ten de volver coller un tren na vida. Aínda máis se pensa que montou nese mesmo medio de transporte unha morea de veces e, inxenuamente, quedou ben contenta de o facer, pois saír de Ourense, poño por caso, ás 19:00 e chegar a Compostela ás 19:38, non está nada mal. Permite acurtar distancias e, en principio, anima a tirar proveito disto. Pódese disfrutar dun día completo na cidade das Burgas saíndo a primeira hora para coller despois o das sete da tarde -máis ou menos-, e, moi importante, facer ambas as dúas viaxes -ida e volta- sen o agobio dese tempo infinito daqueles trens-dilixencia nos que poderiamos chimpar, coma quen di, até vinte madalenas de Proust... A modernización da liña que atravesa a provincia de Ourense era necesaria. Non diría eu que tivese de ser un tren de velocidade alta, mais si un ben máis digno que aquelas carracas nas que chegabamos ao noso destino, desfeitas, cunha dor de cabeza descomunal.


Falouse moito de que non houbo tanta preocupación polos trens de cercanías -zona de Compostela, Vigo, Coruña, Pontevedra...- e pode ser certo, mais, moito máis certo é que, durante décadas, os trens que percorrían a zona de Ourense eran penosos. Podían ter un retraso de máis de vinte minutos. Daquela, a sensación de paroxismo era alucinante. Non daba pasado o tempo e, por se isto non for suficiente, íamos máis da metade sen cadeira, porque, malia a demanda existente, non se engadían vagóns... Eran tempos de furia e feira nos que nós, naquela altura estudantes, fomos tratadas como gando. Iso si, pagar, o que se di pagar, pagabamos abondo. Dende A Rúa até Santiago, o billete barato non era, conste. Así é que, obviamente, dispór dunha liña nova, que garantise certa comodidade, amais dunha redución significativa da duración da viaxe, fíxose moi atractiva. O que non sabiamos era que non estaba instalado o sistema ERTMS, capaz de frear o tren en caso de erro humano. Tampouco sabíamos que as vías de alta velocidade se unían ás tradicionais nas proximidades de Compostela e que, no mesmo día da inauguración da nova liña -10 de decembro de 2011-, segundo aseguran algúns xornalistas, ao chegar á devandita curva, o tren deu un bandazo que xerou o desequilibrio dos/das pasaxeiros/as ocasionando o desconcerto.


Era perigoso ese tren? Dábanse as condicións necesarias para poñelo en funcionamento? Haberá que agardar un tempo prudencial para saber con máis certeza cales foron as causas reais deste accidente e non erguer o dedo acusador contra o máis feble. Ás veces, o xénero humano, é fantástico -véxase o caso da excelente veciñanza de Angrois que actuou con rapidez para axudar ás persoas feridas-, pero outras, máis que humanos parecemos voitres que van á carroña, buscando a quen lle cargar o peso desta traxedia, anticipándonos nos xuízos, reproducindo imaxes morbosas, proclamando soflamas de pena inmensa. Deixémoslle aos familiares das vítimas o dereito á tristura. Galiza ficou impactada, é certo, mais non é tanto o que chorou como o que loitou por ofrecer un pouco de axuda. Unha parte importante desta terra, sabe estar no seu lugar e manter un respectuoso silencio. Desa parte estou orgullosa.

Te puede interesar