Opinión

Unha historia de amor entre butacas

Con El imperio de la luz, Sam Mendes é o último director, en orde de estrea, en entrar no grupo de cineastas que se deixaron atrapar por un dos efectos colaterais xerados pola pandemia: a nostalxia. Kenneth Branagh con Belfast, Paolo Sorrentino con Fue la mano de Dios, Paul Thomas Anderson con Licorice Pizza, ou Steven Spielberg con Los Fabelman. Son só algunhas destas “miradas amarcord”, confinadas entre o déjà vu e a melancolía. 

Igual que as outras, El imperio de la luz naceu durante a pandemia. A intención do director foi render unha homenaxe á sala de exhibición como refuxio e ao mesmo tempo ao poder sanador do cinema. O argumento é unha historia de amor que se move arredor de dúas personaxes, Hilary e Stephen, interpretados por Olivia Colman e Micheal Ward. Ambos traballan nun fermoso cinema nun pobo da costa sur de Inglaterra ao principios dos oitenta. Hai unha importante diferencia de idade entre eles, pero comparten a mesma sensación de incomodidade ao relacionarse cos demais. Ela ten que pelexar cos seus fantasmas interiores, mentres el co mundo exterior, en especial co odio racial crecente. Ambos se necesitan.

El imperio de la luz é unha película formalmente elegante, cunha fotografía máis que correcta de Roger Deakins, e cun guión algo esquemático que transita por diferentes temas -o racismo, o feminismo ou a saúde mental– conseguindo unha certa harmonía. A película é moi esperanzadora. Mendes emprendeu un camiño inédito, deixando dun lado o cinismo de American Beauty ou Revolutionary Road. Quzais, tamén por isto, as personaxes rematan resultando algo arquetípicas –sobre todo o que interpreta Michael Ward- excepto a dolorosa personaxe interpretada por Olivia Colman. Esta última inspíranse na verdadeira nai do cineasta, que padeceu unha enfermidade mental.

A pesar de estar ambientada nun pobo ficticio, a película aboceta unha instantánea sobre unha época en concreto, entre o 1980 e o 1981, unha estación de contrastes e tensións raciais. É a Inglaterra tatcheriana onde triunfaban grupos musicais mixtos como The Specials, que promovían a interculturalidade, xunto coas bandas skin que incitaban á separación e a violencia. As citacións as películas da carteleira como The Blues Brothers, Carros de fuego, Toro salvaje, Locos de remate e sobre todo Bienvenido Mr. Chance de Hal Ashby, axudan a situar mellor o espectador. Ao igual, as proxeccións acompañan os pasos dos protagonistas na comprensión das pulsións da época e a entender que “a vida é un estado mental”. A luz saneadora do cine propiciará unha saída proveitosa para ambos para vivir sen medo. Los Arboles, o marabilloso poema de Philip Larkin sobre o paso do tempo, é o colophon final desta fabula esperanzadora e nostálxica que busca emocionar o espectador sen caer en excesos.

Te puede interesar