Opinión

A pintura en Galicia ata 1936

A exposición da Praza Maior de Novacaixagalicia chega ao seu ecuador temporal. Inaugurada a fins do inverno, permanecerá colgada ata a chegada do verán, unha longa estadía na que poden degustar unha selección dos fondos pictóricos históricos galegos que ostenta ata 1936.

Magníficamente presentada nas dúas plantas de que dispón, dominan na primeira as obras de Castelao e de Carlos Sobrino, todas elas de grandes dimensións. Na inferior, están dende Minguillón a Silvio Fernández, Bello Piñeiro, Abelenda, Mariano Tito ou Avendaño, rematando a mostra con unha espléndida paisaxe de inverno de 1899, de Ovidio Murguía de Castro.

Este tesouro da arte galega que se nos amosa, e ofrece, neste tempo de Primavera, debe facernos reconciliar con este modo plástico de representación que, nestas datas recollidas aquí, é unha expresión en gran medida de tipo burguesa, clientes dunha clase social e duns tempos, dende Isabel II ata Alfonso XIII, pasando pola rexente Dª Mª Cristina -apenas hai presenza do Sexenio e de Afonso XII: Fierros retrata en Madrid ao presidente do tribunal supremo en Madrid!! (que ofrecía en poxa Durán en 2006), a valorar como testemuña dun tempo máis que de interese para Galicia-, por máis que debamos preguntarnos pola pertinencia da formación destas coleccións en cadansúa Caixa de referencia, viguesa e coruñesa, sendo unha posible resposta a do interese na procura das orixes de os Novos, a nosa primeira vangarda artística.

Tres son as liñas temáticas transversais, terra/paisaxe, xente e vida cotiá. Se abre en 1833 con Pérez Villaamil, ferrolán que pinta paisaxes de corte romántico en Madrid, ata Carlos Maside, de aquela mencionada vangarda. Aquí están as mulleres de clase alta, con nome e apelidos, que leen a carón dunha vidreira (Sotomayor, 1926), con aqueloutras campesiñas anónimas que vixían os gansos (Avendaño, ca.1896), obra idealizadora.


Retrato

Mais está a filla do pintor Llorens no significado ano de 1936, fino retrato con unha pequena ría co ceo gris en perspectiva (dese mesmo ano é a nena na bolboreta de Minguillón, tan lonxe e oposto). Nada que ver coa complexidade do que Corredoyra fai para Margarida, ‘blanco espíritu’, en 1915 -na tarxeta expositiva consta outra data-, á que denomina ‘el ánima atormentada’ segundo pon a dedicatoria da retratada iluminada sobre un fondo escuro con unha explícita vista.

Estaba a iniciar daquela Freud dende Viena a publicación da súas investigacións. Máis enigmáticos resultan os retratos bustos de Vaamonde, oito rostros con varios nomes inseridos, que dan conta do seu ronsel de influenzas persoais en clave simbólica.

As vistas urbanas de Noia (Carrero) ou Iria (do fillo de Rosalía), Betanzos, Muros, Compostela e Estribela, hábitat rural xa, preto de Pontevedra, que foi a escollida para a portada do libro que acompaña a mostra obra do comisario, Doutor García Iglesias, que é moito máis que un catálogo comentado, un estudo -marco de historiador da arte que pormenoriza as obras e a época.

Te puede interesar