Opinión

ADIÓS AL PENÚLTIMO 'MAQUI': 'O CABILA'

Cando lin en La Región, con iste epífrage, unha semblanza sobor de Antonio Pérez Barreiro 'O Cabila', matinei no que teñen, ou deixan de ter, de verdade as lendas. Si as contan os achegados ou admiradores, ven sobranceados os feitos ou os rasgos épicos, e si, pola contra, son os contrarios quen as contan, rebáixanas a límites incribles. O caso do 'Cabila', que era o mote co que o coñecíamos na Ferrería, non é unha esceución. Pras 'forzas do orden' era un 'bandolero', 'atracador' e 'asasino'. Pra outra xente era un heroe e un patriota.


Eu, no que coñezo da súa historia, non me cadra o feito de que repartira propaganda, en bicicleta pola rúa do Paseo con oito anos. Xa non soio pola idade, que o situarían en plena guerra 'incivil', sinon que unha bicicleta, daquela, a non tiña calquera e, ademais, estaba a Comisaría de Policía no edificio da Diputación, mesmo a carón, rematando a rúa no Goberno Militar. Non creo tampouco que fuxira do cárcere nin que se tirara ó río pra fuxir dos falanxistas. Era un rapaz moi bragado e mais un grandísimo nadador, como deixou patente na súa fuxida na que, a pesares de ser no mes de marzo, atravesou o Miño polo coiñal que había na 'Pozanca', mais chegou con tan poucos folgos que dúas persoas, unha delas ainda vive, bastáronse para inmovilizalo hastra que chegou a Garda Civil. Caéronlle dúas penas de morte das que o salvaron as indesmaiables xestiós da súa familia.


A historia oficial é que: 'Na madrugada do 18 de marzo de 1949, forzas da Benemérita rodearon unha casa, na zona onde se estende autualmente o parque das Mercedes, con grande fachenda de forzas. Desde dentro dela, seis guerrilleiros, entre os que se atopaba o xefe do campamento, o mozo ferrolán José María Saavedra, repeleron o ataque das forzas represivas, causándolle a morte ó capitán Francisco Piñel Estévez e ó número José Rouco Vila, en tanto que sufriron a baixa do seu compañeiro Antonio López. Convencidos de que non podían sostelo tiroteo por moito máis tempo e de que a única posibilidade de se salvaren consistía en intentar rachalo cerco, o Saavedra, Antonio Pérez Barreiro 'O Cabila' e outro guerrilleiro máis, botáronse fóra e iniciaron unha carreira desesperada, pro só un deles conseguíu desfacerse dos seus peseguidores e gáñalo monte; Saavedra, que se tirara dende a Ponte Nova, e Pérez Barreiro foron capturados tras de recibiren feridas de gravedade. Quedaban na casa Manuel Novoa e Camilo de Dios Fernández e, diante da continuada resistencia destes, a Garda Civil procedeu a plantarlle lume á finca. Novoa pegouse un tiro pra non caer nas mans do enemigo e a Camilo de Dios capturarono ferido'. Hastra eiquí a versión oficial. A miña xa ficou esposta.


Eu tiven, por moito tempo, a teima de ter unha conversa co 'Cabila'. Aparte de ser viciños e amigos da nenez, contaba coa axuda do seu sobriño 'Pucho' pra levala a ramo. Mais, unas veces lembrábame cando non podía; outras, podía e me non lembraba, e, cando podía e me lembraba, daba en matinar que si el o levaba con tanta discreución é que, o millor, non quería que o molestaran pra falar do tema.


Eu quería preguntarlle por que en ningunha versión que eu coñeza se fala da morte do 'Calá', compañeiro do salón de billar do 'Coime', e a do seu curmán o 'Pilila'. Posteriormente informáronme de que a identidade do devandito Manuel Novoa correspondíase coa do 'Pilila', a do 'Calá' xa non poderei sabela por il. Si hai unha remota posibilidade, é que a verdade a coñeza Camilo de Dios e que queira contala.

Te puede interesar