Opinión

O OUTRO HEROE DE CASCORRO

Antonio González Martínez era natural de Valdorregeiro (Ourense). Naceu en xuño de 1867 e, con 24 anos, o seu afán de aventuras levouno a alistarse voluntario no Primer Tercio de Guerrilleros, con destino na illa de Cuba e que se disolveu tras a Capitulación de Santiago de Cuba, no que acadou o grado de cabo de explosivos. Foi compañeiro e amigo de Eloy Gonzalo, tal vez pola afinidade de temperamentos, e foron os dous voluntarios prá realización da xesta que, desde aquela, irá sempre cingida ó Heroe de Cascorro. Pouco despois, Antonio acadaría a mesma condecoración que o Eloy, e tamén pensionada, por introducirse nas filas inimigas e volver coa bandeira destas, despois de eliminar ó abandeirado, recibindo en troques unha ferida nun sobaco que rematou nunha incapacidade motora.


Cando marchou pra Cuba tiña unha moza en Madrosende. Foise despidir dela e díxolle que, por parte dil, ficaba liberada do compromiso si quería botar mozo. Mais, si lle “gardaba ausencia”, il voltaría pra casar coela. Cando volveu, xa licenciado, foi cumplir co seu compromiso e presentouse diante da súa novia e mais dunha irmá que vivía coela, e tamén solteira.


A escena debeu ser desgarradora, pois, aparte de xuntarse a ledicia do momento coas angurias e señardades pasadas, a moza respostoulle que ela tamén o libraba a il do compromiso porque, aínda que ela non quixera nunca a outro home, non estaba disposta a casar, xa que sabía que a súa saúde non daba pra moito tempo. A resposta do Antonio foi crara e firme: “Din a miña palabra e veño cumplir coela. ¡Mañá imos ó médico, a Ourense, e mais a preparala boda!”


Así o fixeron, mais desgraciadamente os médicos diaunosticaron que os pulmós da muller non daban pra un ano de vida. Casaron e ós sete meses finou. Ó cabo duns meses, Antonio coñeceu a unha moza de Chantada de Beiro e casou coela. Xa nada a primeira filla, deixouna con súa nai iembarcou pro Brasil. Traballaba no mato, talando árbores, por conta dunha compañía estadounidense e, cada certo tempo, ían de lecer a Santos. Alí paraba na pensión dun matrimonio ourensán que lle recomendaran. Nunha ocasión, en vísperas de tornar ó mato, o Antonio pediulle á dona da pensión o favor de mandarlle unha carta pra Hespaña, que xa il tiña escrita. A resposta foi afirmativa e il púxose a escribir a direución no sobre, mentres ela miraba, e ó rematar perguntoulle ela quen era a destinataria da carta. Ó dicirlle il que era a súa dona, levou unha grande sorpresa cando ela lle dixo que, daquelas, eran cuñados, xa que a destinataria era irmá dela. E contoulle a historia.


Ela e mais outra moza do pobo traballaban na reutoría da parroquia, facendo “as voltas” da casa e mais traballando na horta e mais co gando, ás ordes dunha “ama de chaves” do cura. Seica era unha marimandona de coidado que lles amargaba a vida. A xenreira que lle tiñan foi medrando hastra que un díao vaso rebordou e, na ausencia do crego, puxéronlle á iama o pelico coma o dun pelexo vello. Chegar á casa, contarllo á nai, baixar á Ponte a falar co Veleiro, levala a Vigo e mandala no primeiro vapor que saía pra América, que cadrou ir ó Brasil, foi todo un. Cando, no día seginte dos autos e despois de deter á compañeira, a Garda Civil foi a preguntar pola Dolores, xa ela ía cruzando o océano.


O Antonio voltou a Hespaña e logo volveu marchar pra Cuba, onde lle naceu a segunda filla. Posteriormente, despois de vir, fixo outro viaxe. Volto a Hespaña, tivo a desgracia de caer nun pozo de facelo cal e ficou cego pros restos. Nise intre, xa lle morrera a muller e tiña catro fillas a cargo. Como a pensión de gerra lle non alcanzaba, tratou de compensalo pidindo esmola nas portas da eirexa de Santa Eufemia do Centro. Alí, a súa fasquía chamou a atención do pintor Corral Díaz. que fixo un retrato dil, co que ganou unha Bienal de Pintura de Buenos Aires. Seica, ós que se interesaban polo modelo do retrato contáballes unha historia dun mariñeiro dos sete mares, cunha traieutoria moi rocambolesca. O que il nunca soubo e que a verdadeira historia era moito mais incrible.

Te puede interesar