Opinión

A Ibense

Nas décadas corenta-cincoenta e na rúa de Colón, antigamente do Pelouriño, pola Picota que estaba ergeita na Plaza da Imprenta, e onde eu fun nado e onde vivía, ó témpo, vivía tamén o meu amigo e condiscípulo Ramiro, hoxendía coñecido por Ramiro “da Ibense”. Vivía no primeiro andar dunha casa onde, por baixo, tiña o seu pai, Francisco, en sociedade con Xulio Ramos, a fábrica de xelados “La Paloma”. Daquelas, as fábricas de xelados que había en Ourense eran “La Ibense”, propiedade dun señor levantino; “La Paloma”, dos devanditos, e “La Sevillana”. Esta fabricaba e vendía direutamente, por medio dun único carro que tiña. O vendedor era o Pepe Gallego ios fabricantes, il e mailos seus pais. As outras dúas fábricas, con máis medios, vendían no local de produción e máis na rúa, por medio dos carros e das “garrafas”, que se levaban ó lombo e que lles permitía mesmo atender a demanda de outros mercados e poboaciós máis ou menos lonxanas, conservando as condiciós do produto a base de xelo picado. Había dous formatos de xelados: os de galleta, que se preparaban nun aparello cun molde cadrado, ios de “cucurucho”, co xelado en forma de media bóla, que lle viña dada pola maquiniña e coa que se coroaba o cucurucho en forma de cono invertido, que se elaboraban na mesma fábrica, artesanalmente, e que tiñan un sabor delicioso. Aparte do xelado clásico, había as famosas “granizadas” ios refrescos de “lima”, “zarzaparrilla” e outros.

A “Paloma” tiña un dos carros bastante máis grande do que os demais, pra poder atender a gran demanda que tiña pola estratéxica ubicación do seu punto de venda na esquina da Plaza Mayor, entrando desde Lamas Carvaxal á esquerda. Iste carro era atendido polo Demetrio, hirmau do Xulio Ramos e pai e sogro de dous traballadores da empresa. Os rapaces larpeiros, que sabiamos do chollo, procurabamos estar por alí, á hora de recollerse, e axudabamos ó Demetrio a empurrar e mesmo a frenar o carro cando era preciso. En troques, ó chegar á “Paloma”, dábanos un xelado e recortes das galletas e dos cucuru chos. A Ibense era a gran especialista en xelados de mantecado, ia Paloma nos de nata, e todos iles feitos con esmero e con produtos naturales de gran calidade. A tempada de venda escomenzaba no día da festa do San Lázaro e remataba coa chegada dos fríos outonales. Todolos xeladeiros tiñan os seus siareiros; fose por simpatía, fose por aquelo do “fiado”, e habíaos mesmo polo seu carisma ou especial simpatía. Aínda lembro algún, aparte do Demetrio, coma o “Che”, o Victoriano, o “Espinita” e, sobor de todo, o Anselmo, que ó rematar a tempada adicábase a fabricar os cucuruchos, no que era un verdadeiro mestre, pra tempada seginte.

O cabo do tempo, os dous socios mercaron a “Ibense”. Despois acordaron disolver a sociedade. Francisco pasou a ser o dono da Ibense, no local agora pechado, onde se facía un dos millores cafés de Ourense, e Xulio, coa marca “El Cortijo”, con despacho na cafetería do mesmo nome e que rexentaba súa dona e os seus fillos Senén e Xulio. Os avatares dos tempos fixeron que “El Cortijo” pechara antes do que “A Ibense”. Esta alongouse un chisco máis no tempo, mais coido que a un tanto delicada saúde do Ramiro tivo moito que ver no asunto. Desde esquí, unha cariñosa aperta pra il e maila súa dona.

É magoa que poidan desaparecer locales tan emblemáticos, protagonistas e testemuñas dunha época. Que isto supoña a desaparición dun templo do bon café e do millor xelado. Xa os non hai que saiban o mesmo. Soio nos queda a lembranza io consolo de que nadie nos poderá “quitar o bailado”.

Te puede interesar