Opinión

DE MITIN

En certa ocasión, e co gallo de 'arroupar' a un candidato do seu partido nun mitin que tiña de dar nunha vila da provincia, veu a Ourense o Pío Cabanillas. Na víspera, mentres ceaban, o Pío aleucionaba ó seu correlixionario diste xeito: 'Eu coido que a posta en escena dos socialistas, sin garabata, en mangas de camisa e co seu 'estilo compadre' fainos caer simpáticos ó eleutorado e recadar moitos votos. Por iso, eu penso que mañá sería bén que eu fose no teu coche, pra che non roubar imaxe, e ti no meu coche, cos escoltas. O ir con istes, nun coche de gama alta e blindado, fará que subas de categoría ós ollos dos eleutores, e que lle presten máis atención ó que lles digas'.


Ó día seginte, co home todo ledo pola deferencia, e mais de quen viña, así o fixo. No camiño, coma o tempo daba lugar pra todo, falaron de moitas cousas e, nunha destas, o candidato perguntoulle: '¿E,nistes tempos de tantos atentados, como levades a vida?'. 'O principio custa un pouco afacerse -respostoulle un dos escoltas-, mais despois acostúmase un a todo e lévase bén. Sin ir máis lonxe, cando nos dixeron onte da posibilidade que tiñamos hoxe dunha amenaza de bomba, lle non fixemos nin caso'.


O home medio se atragou oíndo aquello e, dende logo, non fixo a viaxe de volta no mesmo coche. Os escoltas comentaban despois co Pío, mortos de risa, que daba a impresión de que o home devecera ou lle medrara o traxe.

Te puede interesar